ConcellosÚltima hora

O programa de fomento da natalidade na provincia amplía a 59 os municipios con axudas máximas

Varios concellos de Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo están entre os beneficiarios

O presidente da Deputación de Ourense entrega o cheque “ChegOU” a Naiara Ferreiro, nai de Azahara.

 

O BOP (Boletín Oficial da Provincia) publicará o próximo 31 de xaneiro as bases reguladoras doa convocatoria do programa ChegOu 2024 e desde o 1 de febreiro xa se poderán presentar solicitudes. A novidade máis importante neste ano é un notable incremento (pasarán de 21 a 59) nos municipios cuxos nacementos recibirán a máxima axuda contemplada.

Esta axuda consiste nunha contía de 300 euros con carácter xeral, importe que se eleva a 500 euros para os nacementos en municipio considerados de “Grao III de Reto Demográfico”: Baltar, Beade, Beariz, Os Blancos, O Bolo, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Chandrexa de Queixa, Gomesende, Larouco, Lobeira, Manzaneda, Montederramo, Parada de Sil, Pontedeva, Porqueira, San Xoán de Río, A Teixeira, A Veiga, Verea e Vilariño de Conso.

En 2024 amplíase a contía de 500 euros aos nados en municipios de “Grao II de Reto Demográfico”: Arnoia, Avión, Bande, Baños de Molgas, Boborás, A Bola, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, Cartelle, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Cortegada, Cualedro, Entrimo , A Gudiña, Irixo, Laza, Leiro, Lobios, Melón, A Mezquita, Monterrei, Muíños, Padrenda , Petín, Rairiz de Veiga, Ramirás, Riós, Rubiá, San Cristovo de Cea, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio, Vilardevós e Xunqueira de Espadanedo.

En total, 1.147 beneficiáronse das axudas en 2023. Para acollerse á axuda, as persoas solicitantes tiveron que figurar empadroadas nalgún concello da provincia de Ourense na data de presentar a solicitude e acreditar que esta inscrición foi anterior e ininterrompida desde antes do 1 de xaneiro de 2023.

Precisamente, o presidente provincial, Luis Menor, recibiu á última persoa en realizar a solicitude do ChegOu 2023, unha nai cuxa filla naceu no antepenúltimo día do ano pasado e que realizou a solicitude desde a súa casa o 10 de xaneiro, petición que asinou coa súa voz grazas ao sistema posto en marcha recentemente pola institución. “A execución do programa amosa unha maneira de entender o funcionamento dunha administración pública, marcada pola menor carga administrativa posible e a maior rapidez na resposta ao cidadán, obxectivos que se viron reforzados en 2023 pola posta en funcionamento do sistema de “firma por voz”, para as persoas en exclusión dixital que non teñen facilidade para realizar trámites en contornas de administración electrónica”, explicou Menor.

Artigos relacionados

Back to top button