ConcellosO BarcoÚltima hora

O proxecto do novo paso inferior da vía na rúa Xirimil do Barco superará o millón de euros

Presentado á Comisión de Obras do Concello do Barco o convenio para a execución desta obra

Imaxe: Google.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García, vén de presentar esta semana á Comisión Informativa de Obras a proposta de convenio remitido polo Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif), para a execución do proxecto denominado “Mellora da permeabilidade do ferrocarril da liña Palencia-A Coruña no núcleo de O Barco de Valdeorras”. Este proxecto ten un orzamento de 1.011.746 euros.

Trátase dunha actuación para crear un novo paso inferior baixo a vía, á altura da rúa Xirimil (quilómetro 297+935) para o seu uso polo tráfico rodado, mentres que o actualmente en funcionamento será para uso exclusivo dos peóns.

De acordo co establecido no convenio, Adif asumirá a redacción do proxecto, contratación, dirección e execución das obras, así como a tramitación de todas as autorizacións administrativas necesarias. O concello, pola súa banda, comprométese a xestionar, no seu caso, a consecución e adquisición dos terreos que sexan necesarios para a realización dos traballos, así como de desenvolver as obras que sexan precisas para que este novo paso sexa usado unicamente polos vehículos, e o actual só polos peóns.

No que atinxe aos custos do proxecto, nos 1.011.746 euros de orzamento están incluídas, ademais da execución dos traballos, a redacción do proxecto e a dirección da obra. A financiación será ao 50% entre ambas administracións, polo que o Concello deberá reservar algo máis de 500.000 euros nos seus orzamentos para este proxecto.

“A nova infraestrutura situarase á altura da rúa Xirimil, paralela ao paso actualmente existente nesta zona, e que utilizan tanto vehículos como peóns. Será de uso exclusivo para vehículos, e terá unhas dimensións de 8 metros ancho por 3,10 de alto. Permitirá, polo tanto, facer dous carrís para que poda ser utilizado de xeito cómodo por todo tipo de vehículos, salvo camións. O paso actual quedará reservado para uso exclusivo dos peóns, conseguindo deste xeito garantir a seguridade dos usuarios que cruzan dun lado a outro da vía e que agora teñen que utilizar o mesmo espazo que usan os coches”, segundo informa o Concello do Barco.

Artigos relacionados

Back to top button