OurenseÚltima hora

O proxecto “Gústame o meu río, ensíname a coidalo” recoñece aos mellores coidadores de ríos

300 nenos das provincias de Lugo, Ourense, Pontevedra e León, celebraban, durante 2 días en Fonmiñá (Lugo), unha posta en común do aprendido

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), e Primitivo Iglesias, alcalde da Pastoriza, asistiron á presentación e posta en común dos traballos realizados polos alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria participantes en proxecto “Gústame o meu río, ensíname a coidalo”, durante o curso escolar 2022-23.

O acto foi celebrado no centro de información recentemente construído pola CHMS nun lugar tan emblemático como é A Lagoa de Fonmiña e os colexios participantes deste ano CEIP Bretoña da Pastoriza, CEIP O Salvador de Meira, CEIP Frei Luís de Granada de Sarria, CEIP Navaliegos de Ponferrada, CEIP Curros Enríquez de Celanova, CPI Antonio Failde de Coles e CEP Pedro Caselles de Tomiño, gozaron de senllas xornadas nas que se fixo unha posta en común do aprendido nos distintos talleres educativos e o recoñecemento aos mellores guardarríos.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil aposta pola educación e a sensibilización ambiental da poboación, desde a infancia, potenciando o valor ambiental dos ríos da conca e concienciando sobre a importancia da protección e conservación dos ecosistemas fluviais, especialmente nos momentos de escaseza de auga.

“Naceu pola necesidade de poñer en valor o coidado e o respecto polos ríos e concienciar sobre a importancia de bo uso da auga nunha zona privilexiada por abundancia do recurso, o que dificulta máis, se cabe, esa concienciación”, engadíu o presidente da CHMS.

 

 

O proxecto

Cada centro escolar dos seleccionados para participar recibe unha charla de presentación do proxecto no centro educativo e realiza tres visitas ao río en diferentes épocas do ano co obxectivo de poder observar a dinámica do ecosistema fluvial. O alumnado descobre a través de accións dinámicas, entretidas e participativas a necesidade da protección e coidado do medio natural e que eles son parte protagonista tanto na xestión hidráulica como na protección do medio ambiente.

É necesario comprender que os recursos naturais e os ecosistemas que os sustentan son limitados, que é necesario valorar a auga non só como recurso, senón como factor crave no sustento dos ecosistemas.

A clave é aproximar aos escolares ao río e ao medio natural que os rodea e realizar actividades didácticas, menos formais, distendidas e divertidas co interese de aumentar coñecemento e respecto sobre as diferentes especies de fauna e flora dos ecosistemas fluviais máis próximos ás súas cidades e pobos.

Ademais de promover no día a día dos escolares aquelas actitudes respectuosas no consumo de auga e doutros recursos naturais, así como o boca a boca das mesmas entre os seus amigos e familiares. “Formais parte dunha nova xeración que aprende e valoriza a riqueza natural da contorna e a necesidade de conservalo”, agradeceulles o presidente.

“A auga é un recurso fundamental e escaso para os ser vivos, no que debedes implicarvos por ser de vital importancia en todos os ámbitos da vida, sen auga non hai progreso, o que nos dá a clave para afirmar que a sustentabilidade é a base de todo” incidiu o presidente.

O acto de posta en común e recoñecemento aos mellores guardarríos desenvolveuse na Lagoa de Fonmiñá, concello da Pastoriza, moi próximo ao Pedregal de Irimia, dous puntos clave no nacemento do río MIÑO. Nesta paraxe singular a CHMS está a concluír a construción dun centro de información dos valores e da riqueza fluvial da demarcación do Miño-Sil.

A localización da edificación nesta pequena lagoa de 350 m2, de orixe kárstico, emerxen as augas subterráneas de mananciais que descenden da montaña, aflorando á superficie; xunto ao afloramento, existe un conxunto escultórico dedicado ao “Deus Breogán”, feito por Magín Picallo e Manuel Mallo en 1969, foi elixida pola simboloxía que representa un lugar emblemático, Fonmiñá, amplo humidal cunha gran carga simbólica.

“Desde a CHMS apostamos pola educación ambiental e tambien por actuacións que valoricen o patrimonio ambiental e paisaxístico da demarcación e que conviden a vivir para os ríos, sendo conscientes de que o coñecemento é a clave para o respecto e coidado dos recursos naturais que constitúen a mellor herdanza de futuro”, concluíu Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button