ConcellosÚltima hora

O proxecto “Tregumelos” nas III Xornadas Micolóxicas de Parada de Sil

Desenvolveranse o domingo 16 de novembro na Fábrica da Luz a partires das dez da mañá
Detalle do cartaz das III Xornadas Micolóxicas de Parada de Sil.
Detalle do cartaz das III Xornadas Micolóxicas de Parada de Sil.

Cun programa moi variado de propostas chegan as III Xornadas Micolóxicas de Parada de Sil que terán como escenario a Fábrica da Luz de Barxacova. Celebraranse o domingo 16 de novembro e comezarán a partires das dez da mañá cunha charla que correrá a cargo de dúas traballadoras do Concello de A Veiga que falarán sobre o “Proxecto Tregumelos”, que vén desenvolvendo este municipio valdeorrés dende hai uns anos, e tamén da Ordenanza reguladora pola que se rixe o coto de cogomelos deste Concello. Con esta ponencia preténdese “dar a coñecer o proxecto que se está levando a cabo neste concello e que é pioneiro en Galicia”, aseguran dende a organización das xornadas.

A seguinte conferencia, prevista para as 11h virá da man de Ricardo Mínguez e Borja Mínguez, que ofrecerán unha clase teórica de iniciación aos cogomelos, para, a continuación, levar a cabo unha saída guiada ao monte para recoller estes froitos de outono.

Xa ás 14h terá lugar o xantar. A cantina da Fábrica da Luz ofrecerá un menú degustación a base de cogomelos recollidos na zona. O prezo deste menú será de 12 euros.

E como broche, as xornadas incluirán un obradoiro de identificación e clasificación dos cogomelos recollidos na saída da mañá. As participación nas Xornadas é gratuita, ainda que cómpre inscribirse previamente. Para mais información e inscricións pode chamarse aos teléfonos 988 984 990/679 060 509 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@afabricadaluz.com.

Estas III Xornadas Micolóxicas de Parada de Sil serán organizadas pola Fábrica da Luz en colaboración co Concello.

Artigos relacionados

Back to top button