PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE celebra o seu comité provincial animando á militancia “a recuperar a confianza da cidadanía”

 

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar o seu Comité Provincial en Santa Cruz de Arrabaldo onde se animou á militancia a erixir ao partido socialista no “referente político” da sociedade ourensá. Durante o comité ratificouse por unanimidade os cambios na comisión executiva provincial co obxectivo de “fortalecer” o partido, procedeuse a lectura do informe do secretario xeral provincial e abriuse unha quenda de intervencións entre os asistentes.

“Despois duns resultados electorais que se afastaron do esperado nos últimos procesos electorais”, o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, animou á militancia do partido a “traballar con máis intensidade que nunca para recuperar a confianza da cidadanía e a erixir ao PSdeG-PSOE no referente político da provincia de Ourense”.

O secretario provincial dos socialistas ourensáns destacou na súa intervención que “ningunha outra forza política posúe a historia nin o legado de valores democráticos e conquistas sociais do PSOE”. Neste senso, Rodríguez Villarino tamén subliñou que “non hai un partido que teña contribuído tanto a mellorar dereitos e liberdades” e apuntou que o partido socialista “non ten parangón respecto das dereitas na procura da xustiza social”.

Consonte ao exposto, o PSdeG-PSOE de Ourense desenvolverá un intenso programa de accións locais, comarcais e provinciais dirixidas a mobilizar as bases do partido, “difundir exemplos de éxito político municipal e xerar espazos de diálogo e debate permanentes coa veciñanza e os axentes sociais”. As ideas e proxectos que emanen destes intercambios de visións, incorporaranse ao programa do partido e contribuirán a redefinir e actualizar a súa misión na sociedade ourensá.

“Actuando deste xeito, eliminarase a confusión ideolóxica xerada polas dereitas, ilustrarase a valía das políticas progresistas, e situarase ao partido socialista como referente da veciñanza de Ourense”, concluíu o secretario xeral do PSdeG-PSOE.

Cambios na Comisión Executiva Provincial

O Comité Provincial serviu tamén para ratificar por total unanimidade a incorporación de caras moi coñecidas e referentes do socialismo ourensán a Comisión Executiva Provincial. Deste xeito incorpóranse a executiva o profesor universitario e ex concelleiro do PSdeG-PSOE no concello de Ourense, José Rúas Araújo, que asumirá a secretaría de comunicación. Tamén se suma o ex concelleiro socialista no concello de Ourense, Javier Rey Rey, que asumirá a secretaría adxunta de organización. Asemade, outra das novas incorporacións será a actual alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo De Dios, quen asume a secretaría de cultura e normalización lingüística.

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén reestrutura outras áreas de traballo entre membros actuais da Executiva. Deste xeito, Beatriz Domínguez Blanco asume a secretaría de igualdade, Eva Maldonado González a secretaría de medios e Celso Basalo Gómez a secretaría de función pública e acción sindical.

Artigos relacionados

Back to top button