PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE de Valdeorras pide unha ambulancia de soporte vital avanzado para a comarca

Ofrecían esta mañá unha rolda de prensa na que tamén incidían en que na provincia de Ourense só existe unha ambulancia deste tipo, que está na capital

 

Representantes do PSdeG-PSOE en Valdeorras ofrecían esta mañá unha rolda de prensa para “denunciar a situación na que seguimos na comarca” con relación ao novo concurso de transporte urxente do 061 para toda Galicia, no que “non houbo ningunha modificación con respecto ao contrato do 2019”, dicía Aurentino Alonso, concelleiro barquense, xunto a outros cargos socialistas en Valdeorras como o alcalde de Vilamartín.

“Aquí levamos reclamando moito tempo unha ambulancia medicalizada, unha ambulancia de soporte vital avanzado como teñen noutras zonas de Galicia e seguimos igual, é dicir, a única ambulancia que se establece permanente é a de soporte vital básico, que é a que está dotada cuns técnicos sanitarios, e nós pediamos que houbera unha ambulancia que, polo menos, estivera dotada cun enfermeiro, que puidera atender casos destes máis complicados en situacións que así o requeriran, estamos nunha zona moi apartada de Galicia, que xeograficamente presenta unha complexidade importante, na que hai núcleos moi alonxados e cunha poboación moi envellecida, e dende logo non se nos fixo ningún caso ao que se leva reclamado nestes anos”, asegura Alonso, en referencia a iniciativas presentadas na Deputación de Ourense e tamén no Concello do Barco.

Así mesmo, o edil socialista matiza que a provincia de Lugo, “practicamente coa mesma poboación que a de Ourense, vai ter tres ambulancias de soporte vital avanzado (unha na Mariña, unha en Lugo e a outra en Monforte), mentres que nós temos unha en toda a provincia de Ourense que está na capital, a hora e media do Barco. Si que é certo que vén unha ambulancia básica para A Veiga, que o ministerio clasifica de clase 1, o que chamamos ambulancia convencional que só sirve para transportar pacientes que requiran ser trasladados en camiña, pero que non está acondicionada para asistencia sanitaria en ruta”.

 

 

Os representantes socialistas tamén se referían á evolución da actividade do Hospital Público de Valdeorras, indicando que se produciron descensos tanto nas intervencións cirúrxicas como nos ingresos e asegurando que, por contra, medran os traslados por consultas e hospitalarios a outros centros. Neste senso, Alonso incidía en que Valdeorras “necesita esa ambulancia permanente cunha dotación que poderá ser de enfermeira ou de médico, pero ten que ter unha dotación técnica máis completa da que temos, porque ao final quen se resinte é o paciente”.

O concelleiro barquense conclúe ademais que, “ao final vemos que hai unha sanidade máis de primeira noutras zonas de Galicia e outra que ten peores prestacións, que neste caso é a que nos toca a nós. A comarca necesita unha atención moito máis importante e, sobre todo, se queremos equilibrar un pouco os territorios, todo o peso da distribución das ambulancias está na costa, a poboación do interior tamén merecemos un trato adecuado”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button