En portadaÚltima horaVídeos

O público valdeorrés arroupa a chegada á meta da volta ciclista, no Castelo (Rubiá)

 

Hai uns días, cando a volta ciclista O Gran Camiño celebraba a segunda etapa entre Tui e A Guarda (Monte Santa Tegra), dende a organización convidaban ao público a animar aos corredores ao seu paso por Valdeorras e “rendir homenaxe aos afectados polos lumes”.

 

 

Un convite que se vía claramente aceptado ao longo do percorrido da etapa raíña, que na xornada do sábado 25 de febreiro percorría boa parte das comarcas de Terras de Trives e Valdeorras.

 

 

Con varias metas voantes e público nos diferentes concellos polos que pasou o pelotón, a maior afluencia presentábase na subida ao Alto do Castelo (Rubiá), animando aos ciclistas que pasaban entre a paisaxe asolada polas chamas, e na propia meta, onde o danés Jonas Vingeegard vestía a camiseta amarela como campión da etapa (hoxe foi proclamado campión da volta en Santiago de Compostela trala cuarta e última etapa).

 

 

No Castelo e tras unha dura etapa cuxo percorrido se vía modificado pola meteoroloxía adversa, a afección valdeorresa aplaudía aos ciclistas e tamén á iniciativa en homenaxe a unha terra asolada polo incendio. De feito un dos agasallos para o gañador era unha árbore.

Xunto aos afeccionados, na meta había tamén representantes políticos, entre eles o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e os alcaldes e representantes dalgúns dos concellos polos que pasou a carreira como A Pobra de Trives, O Barco, A Rúa ou Rubiá.

Máis información e fotos sobre a chegada á meta no seguinte enlace: https://osil.info/jonas-vingeegard-coroa-o-castelo-rubia-na-etapa-do-gran-camino-en-homenaxe-aos-afectados-polo-incendio-de-valdeorras/

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button