ConcellosÚltima hora

O pulpo do Carballiño conquista Madrid cunha tapa de dous metros de diámetro

A LV Festa do Pulpo do Carballiño promocionouse na tarde de onte, 28 de abril, no salón gastronómico Platea, en Madrid, exhibindo un prato de 2,20 metros de diámetro, que foi o primeiro que se utilizou no Carballiño para elaborar a primeira Tapa Xingante de Pulpo.

O evento tipo lugar na presentación da segunda ruta gastronómica Pulpo Pasión Madrid, integrada por 39 restaurantes galegos da capital de España, e que se desenvolverá ate o 15 de maio.

Os concelleiros de Turismo e Cultura, José Manuel Dacal e Diego Fernández, acudiron a este acto por invitación da organización, que promoveu a elaboración, na céntrica Praza de Colón, da Maior Tapa de Pulpo de Madrid.

A orixinalidade deste evento residiu en que foron os asistentes, maioritariamente, propietarios e chefs dos restaurantes, así como blogueiros e público quen picaron os 110 quilogramos de pulpo cos que se elaborou a tapa. A dirección e instruccións da cocción e preparación da tapa correu a cargo do pulpeiro carballiñés Paco Gómez, que amosou a gran tradición pulpeira do Carballiño, así como as excelencias das súas pulpeiras e pulpeiros.

Durante a rolda de prensa, José Manuel Dacal presentou a Festa do Pulpo do Carballiño como “o referente das festas gastronómicas de Galicia” e convidou aos asistentes e aos madrileños en xeral a visitar a vila carballiñesa o domingo 13 de agosto para degustar o pulpo á feira “elaborado polos mellores pulpeiros e pulpeiras de mundo”.

Neste senso, e ante a gran concurrencia de blogueiros e blogueiras de gastronomía e restauración que había neste evento, o concelleiro dixo que se estaba avaliando a posibilidade de organizar no Carballiño unha xornada con eles para dar maior difusión nas redes sociais á Festa do Pulpo.

Na rolda de prensa, tamén interviñeron o organizador do evento, Nacho Sandoval; o pulpeiro carballiñés e copropietario das pulperías A Feira, Paco Gómez, e o presidente da asociación de distribuidores de marisco e peixe de Mercadrid, que é o segundo mercado de peixe do mundo e que cedeu o pulpo para elaborar esta tapa xigante.

Neste intre, e complementariamente con estes actos de promoción, o concello do Carballiño traballa na presentación pública do CD da cantiga “Pulpeiriña do Arenteiro”, así como da presentación da Festa do Pulpo en Nuremberg, a cuxo centro galego se adica a 55 edición da festa. Esta dedicatoria garda relación non só no feito de que este centro galego celebre o 25 aniversario da súa propia Festa do Pulpo, senón que se considera un acto moi relevante para conquerir a denominación de Festa de Interese Turístico Internacional, que é un dos obxectivos do concello.

Artigos relacionados

Back to top button