EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Madrid réndese aos Tostados da D.O. Ribeiro

O seu Consello Regulador vén de presentar "estas xoias da enoloxía" no Salón de viños xenerosos, doces e fortificados, celebrado no Hotel NH Collection Eurobuilding

 

O C.R.D.O. Ribeiro regresa de Madrid “totalmente compracido” tras participar o luns cunha mesa propia con catro tostados dos actualmente certificados no Consello Regulador no Salón dos viños xenerosos, doces e fortificados, organizado por Calduch Comunicación no Hotel NH Collection Madrid Eurobuilding. Máis de 350 profesionais madrileños (catadores, restauración, prensa especializada…) puideron probar “esta auténtica xoia enolóxica e profundar un pouco no mundo dos Tostados do Ribeiro, un exquisito descubrimento para moitos deles”, destacan dende a denominación de orixe.

O Tostado do Ribeiro é un viño naturalmente doce de longa tradición no Ribeiro. Para a súa elaboración unicamente utilízase o mosto procedente da selección das mellores uvas autóctonas convenientemente pasificadas a cuberto e unicamente con ventilación natural. A súa produción é moi pequena (apenas alcanza o 1% da produción), complexa e laboriosa, resultando unha auténtica xoia da enoloxía de características únicas.

 

 

 

As referencias exhibidas neste especializado evento en Madrid foron viños de catro adegas e colleitas distintas: Alma de Reboreda 2008 de Adegas Campante, Tostado de Costeira 2017 de Viña Costeira, Bico de Leive 2018 de Leive Ecoadega e Celme Tostado 2020 de Adegas Celme. Na cata, estes especiais viños móstranse como viños doces intensos, complexos e peculiares. Percíbense neles aromas de froitos secos e confeitados, mel, flores amarelas, doce de marmelo, pel de laranxa confeitada. Trátase de viños moi concentrados con bo equilibrio entre acidez e dozura. Untuosos, aterciopelados e moi persistentes no padal.

Juan Manuel Casares Gándara, presidente do C.R.D.O. Ribeiro, comenta que “o Tostado do Ribeiro constitúe unha manifestación máis do patrimonio cultural e enolóxico desta enocomarca. É un viño histórico que, aínda que con limitados volumes de produción, adquiriu no século XIX unha gran sona. As mellores uvas de variedades autóctonas (principalmente Treixadura) sometíanse a un proceso de secado, de mínimo tres meses, en locais con ventilación natural ata chegar á cuasipasificación da uva. Posteriormente, procedíase ao seu prensado e á fermentación. A continuación, o viño maduraba mínimo medio ano en barricas de carballo ou cerdeira antes do seu consumo e outros tres meses de afinado en botella”.

Artigos relacionados

Back to top button