ColaboraciónsEconomíaEconomíaOpiniónÚltima hora

O que vale un castiñeiro

Artigo do filólogo Manuel Agra Villar

 

Se hai unha árbore e un froito que formen parte da nosa cultura, gastronomía e etnografía, esa é o castiñeiro e a castaña. Alimento prezado -o magosto é unha das principais festas da cultura e gastronomía galegas- e madeira de calidade para fabricar mobles. O castiñeiro ten todas as características para converterse nunha das nosas árbores simbólicas.

Na literatura, os autores e autoras souberon reflectir o valor do castiñeiro. Eduardo Pondal di dos “castaños de Dormeá” que teñen o “corpo ben cumprido” e “graciosa estatura”, semellantes aos “celtas nosos antigos”.

Rosalía de Castro lémbrase das “amorosas falas”, dos “contos pracenteiros” e das “risas” que se oían “baixo a prácida sombra dos castaños do noso bo país”.

 

 

Florencio Delgado Gurriarán, que tan ben soubo reflectir e cantar a paisaxe de Valdeorras, dedicoulle ao castiñeiro numerosos poemas. Mesmo unha parte de Galicia infinda (1963) leva por título “Castiñeiros”. Nin o ciprés, bidueiro, ameneiro ou piñeiro, para el as árbores preferidas eran os “petrucios castiñeiros”. Un dos poemas de Bebedeira (1934) leva por título “A traxedia dos castiñeiros. O castiñeiro morto”. Se antes estaba san e forte, agora o castiñeiro do poema do autor de Córgomo atópase “ferido do machado da morte”.

Neste momento, nos soutos de Valdeorras hai numerosos castiñeiros feridos “do machado da morte” por culpa do lume. Tristemente, o título do poema de Florencio é moi acaído tamén neste caso: “a traxedia dos castiñeiros”. Anos e anos de vida queimados nuns minutos. Perda económica, cultural e simbólica. Coidemos, valoremos e sexamos conscientes do noso importante e valioso patrimonio. Non o deixemos perder.

Texto e fotos: Manuel Agra Villar.

 

Manuel Agra.

Artigos relacionados

Back to top button