EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O sector valdeorrés do viño e do enoturismo plantéxalle as súas demandas ao presidente da Deputación de Ourense

Luis Menor reuníase esta tarde con representantes do CRDO Valdeorras e coa directiva da Ruta do Viño desta denominación

 

De primeira man e a pé de territorio, escoitaba o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acompañado pola deputada valdeorresa María Carmen González, as peticións do sector do viño e do enoturismo valdeorrés na visita que realizaba neste luns 11 de decembro á comarca. Así, esta tarde mantiña unha xuntanza co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Ramón Rodríguez, que acudía xunto a outros membros deste organismo e á súa secretaria.

“Puidemos constatar a súa experiencia, xa que non en van Valdeorras é a segunda D.O. máis antiga da provincia; pero, sobre todo, o seu dinamismo e fortaleza neste momento, ligados á súa actividade en xeral, e principalmente, ao godello. Unha actividade que se pode complementar con outro dos referentes da comarca que é a lousa”, dicía Luis Menor, explicando que lles transmitiu aos representantes do consello regulador o compromiso da Deputación de Ourense de continuar coas liñas de axuda, “ben en investimentos dirixidos á súa sede, que presenta certas carencias que deben ser abordadas, ou ben no seu funcionamento e no seu labor de internacionalización do viño”.

 

 

A continuación, o presidente da Deputación mantiña outro encontro co presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, que acudía coa vicepresidenta desta entidade e coa súa técnica. “É outro ámbito relacionado co mundo do viño, onde nos plantexaron tamén os seus proxectos, neste caso os ligados ao enoturismo, e entendemos que esta actividade resulta así mesmo un complemento perfecto para o sector vitivinícola. Ademais en Valdeorras temos unha particularidade moi importante que ese turismo ligado á singularidade das covas, das adegas subterráneas”, dicía Menor.

No decurso da xuntanza abordábanse diversos proxectos “nos que imos a colaborar no eido deportivo, como unha proba de BTT, pero tamén en novas actividades ligadas ao viño e ás covas, e sobre todo poñer iso en valor. E ademais falouse da posibilidade de organizar algunha cata nun lugar tan novidoso como son as canteiras de lousa. Nós temos que apostar sempre polas singularidades como é a materia prima extraordinaria que é o viño de Valdeorras, unida á especificidade das covas e desa maridaxe coas canteiras, algo que realmente é novidoso pode ser un factor de desenvolvemento para a comarca”, concluía o presidente da Deputación.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button