SanidadeÚltima hora

O Sergas reforza as vías para actualizar a tarxeta sanitaria

Só é necesario que chamen, neste momento, os maiores de 80 anos que aínda non foron chamados para vacinar, e teñan a certeza de que os datos da súa tarxeta non están actualizados

 

Dende o Servizo Galego de Saúde recórdase que a cidadanía galega ten a súa disposición varias ferramentas para actualizar os datos da tarxeta sanitaria. Ben a través da súa páxina web (www.sergas.es), se se ten certificado dixital para garantir a protección de datos do usuario, ou, tamén, acudindo ou chamando ao centro de saúde correspondente.

Coa posta en marcha do Plan de Vacinación, o departamento sanitario galego pon a disposición da cidadanía outro número máis, o 981 569 540, que activa un desvío de chamadas para contar con maior número de operadores para, deste xeito, poder atender a demanda. Dado o elevado número de chamadas recibidas na xornada de onte, ao redor de 100.000, o Sergas lembra á cidadanía que, só é necesario que chamen, neste momento, os maiores de 80 anos que aínda non foron chamados para vacinar, e teñan a certeza de que os datos da súa tarxeta non están actualizados.

Non é necesario que chamen os cidadáns que pertencen a colectivos como educadores, sanitarios, membros de Forzas de seguridade do Estado, etc, dado que estes son chamados a través dos datos, xa actualizados, que envían á Consellería de Sanidade os colexios profesionais ou entidades responsables de cada colectivo.

Tampoco teñen que chamar para actualizar os datos as persoas que non teñan tarxeta sanitaria do Sergas, xa que son chamados polas listaxes que envían á Consellería de Sanidade, MUFACE, ISFAS, etc.

Reforzo a traves do envío de SMS

O Sergas reforza agora tamén as vías para actualizar os datos, co envío de SMS cun pequeño texto no que se lles pregunta aos cidadáns se os teléfonos adscritos á súa tarxeta son correctos. Se son correctos, non é necesario facer ningún trámite.

As mensaxes de SMS enviaranse primeiro aos maiores de 80 anos, aos que se está a vacinar agora contra a Covid, e logo á poboación en xeral por tramos de idade.

Respecto á vacinación dos desprazados, todos os que están recoñecidos polo Servizo Galego de Saúde atópanse na base de datos, se foron ao seu centro de saúde a darse de alta, e serán chamados a vacinarse cando lles corresponda.

Artigos relacionados

Back to top button