ConcellosTrivesÚltima hora

Trives actualiza o seu Imposto sobre Bens Inmobles

O tipo impositivo pasará do 0,50 % ao 0,60 % nos bens urbanos, onde se atopa o groso da recadación, e do 0,70 % ao 0,75 % nos rústicos

 

A Corporación da Pobra de Trives celebraba esta mañá un pleno extraordinario no que se aprobaba a actualización do Imposto sobre Bens Inmobles. “Con esta medida o IBI equipárase ao dos concellos da contorna, se ben segue por debaixo da media da provincia de Ourense e mesmo por debaixo de concellos limítrofes ou próximos como San Xoán de Río ou Montederramo”, tal e como se explica dende o grupo de goberno trivés. O tipo impositivo pasará do 0,50 % ao 0,60 % nos bens urbanos, onde se atopa o groso da recadación, e do 0,70 % ao 0,75 % nos rústicos. Polo que respecta ao IBI de características especiais, quedará como está actualmente.

Máis en concreto, a actualización do IBI suporá “unha suba media de 12 euros ao ano para os contribuíntes, pouco máis dun euro ao mes para cada propietario, mentres que para as arcas municipais estímase un incremento de 90.000 euros que se dedicará integramente á mellora dos servizos públicos municipais, mesmo dos que correspondería financiar en exclusiva á Xunta de Galicia, e a facer fronte ao incremento do custes dos subministros”, segundo o grupo de goberno de Trives.

Con esta medida aprobada en sesión plenaria, o concello da Pobra de Trives pasa a ter o “mesmo tipo impositivo que Manzaneda ou Castro Caldelas, aínda que seguirá estando por debaixo dos de outros concellos da contorna como San Xoán de Río ou Montederramo”, matizan dende o grupo de goberno.

O Concello de Trives, “ao igual que a maioría, asume custes engadidos en persoal e servizos que deberían corresponder na súa integridade a Xunta de Galicia, como por exemplo na axuda no fogar”, segundo explica concelleiro de Facenda, Aarón Álvarez, quen tamén di que a actualización do IBI é debida “a infra-financiación da Xunta e a Deputación, así como a asunción de competencias impropias por parte dos concellos, como por exemplo o mantemento, gastos de limpeza, auga e calefacción no Centro de Saúde”.

“O Concello leva asumindo -explica- custes engadidos nos servizos que son exclusivos da Xunta e no persoal pola suba xeral de prezos nun contexto de guerra e de incerteza internacional, sen que a Xunta de Galicia financie ese incremento. Así, por exemplo, aporta 12 euros por cada hora de Servizo de Axuda a Domicilio e o coste real está en 19,20 euros, que teñen que asumir os concellos. E no caso dun traballador ou traballadora social, a Xunta financia 16.815 euros por cada un cando o coste da praza supera os 40.000 euros, diferencia que asumimos os concellos”.

Artigos relacionados

Back to top button