EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

“O SilFest Valdeorras ten un impacto socioeconómico real, cultural e turístico”

Jorge Álvarez, director do festival, e Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais analizan o que supón este evento en termos socioeconómicos para a comarca

Foto: Aigiboga.

 

Son tres días intensos de concertos, actividades enogastronómicas, infantís… Tres xornadas á beira do río Sil que fan vibrar ao público e que, ao mesmo tempo, dinamizan O Barco e a comarca, dende un punto de vista social, económico, laboral, cultural e turístico, colocándoo no crecente mapa galego e estatal dos festivais e proxecto a imaxe de Valdeorras. “A xente que se move nestes circuítos asocia O Barco co SilFest”, asegura un dos directores do festival, Jorge Álvarez.

A organización deste evento desenvólvese ao longo de todo o ano, pero é nas últimas semanas e días cando chega o “sprint final” e cando se materializa cada nova edición: montaxe, valados, escenarios, casetas… Unha engranaxe que supón uns “50 empregos directos, camareiros, taquilleiros, pulsareiros… máis logo indirectos que son a empresa de son e iluminación, seguridade… ao final si que estamos falando de moita xente”, destaca Jorge Álvarez.

A maiores está o efecto positivo que o festival xera na infraestrutura hoteleira e de restauración da vila e mesmo da comarca. “Nós o que vemos todos os anos é que nas datas do SilFest os hoteis e outros aloxamentos están cheos, sabémolo porque moitos enchémolos nós de artistas e persoal e logo tamén dos usuarios. Polo tanto existe un impacto económico real e nós sabémolo pola xente que vén de fóra. De feito, temos entradas vendidas en moitos puntos diferentes e todas esas persoas alóxanse en Valdeoras, comen e cean aquí. Ao final, unha das vantaxes que ten facer un festival no casco urbano é que as persoas entran e saen del, móvense pola vila, e iso nós vémolo. Igual hai moita cola para cear o sábado e soben a establecementos de hostalaría do Malecón ou doutras zonas, e logo volven baixar aos concertos. Se o festival se fixese nun lugar alonxado da vila, iso non sería así”, explica Jorge Álvarez.

 

Jorge Álvarez, un dos directores do SilFest Valdeorras./ Foto: Aigiboga.

 

Eses puntos de venda entradas espallánse pod diversos puntos de Galicia (dende Betanzos, Cambre, Culleredo ou A Coruña, ata Santiago, Pontevedra, Ourense ou Lugo) ata doutras zonas como Ponferrada, Madrid, Valdemorillo, Miranda de Ebro, Málaga, Chiclana de la Frontera (Cádiz), Xixón, Palma de Mallorca, Navaconcejo (Cáceres), entre outras.

“Ese impacto estámolo conseguindo dentro do sector festivaleiro que é moi grande, é cada vez medra máis. Existe un turismo de festivais, son moitas persas as que move, e hai quen vai a macrofestivais e logo un sector de público que está buscando festivais non masificados como o SilFest, e de feito, iso vémolo moito polo rango de idade que traballamos. O noso público móvese entre os 35 e os 55 anos, e a porcentaxe máis alta sitúase entre os 45 e os 55 anos. É un dato que chama moito a atención, falamos dun público que fuxe da masificación. Iso define moi ben aos usuarios do SilFest, máis alá do público local que aínda que é variopinto, tamén vai na mesma liña”.

 

Foto: Aigiboga.

 

E ademais deses inputs económicos que xera o SilFesta Valdeorras, engádense a súa repercusión turística e a nivel de imaxe de Valdeorras. “Supón un impacto a nivel turístico xa que O Barco está en todas partes. Nós este ano organizamos unha campaña de comunicación moi potente, en medios especializados, tamén saimos mencionados en Radio 3, as bandas nas súas xiras meten que van estar no Barco, entón estás poñendo o municipio e Valdeorras no mapa”.

Impacto turístico e cultural do SilFest

Hai moitos parámetros que se poden medir en canto ao impacto dos festivais. O máis obvio e polo que todo o mundo tira porque é evidente e ao final é cuestión facer números, son os rendementos que se opteñen no aspecto turístico (ocupación hoteleira, incremento de persoas no pobo,…) que se poden cuantificar, pero para Patricia Hermida, xefa de escenario do SilFest Valdeorras e presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) “é máis importante o impacto cultural que poida ter nunha comarca, a capacidade que pode desenvolver unha área de influencia como pode ser O Barco, para organizar eventos que están á altura de calquera outro evento nunha zona con máis poboación ou mellores infraestruturas”.

 

Patricia Hermida, xefa de escenario do SilFest e presidenta da AGEM, durante o festival no Barco./ Foto: Aigiboga.

 

E iso que comprobando a venda de entradas online, volvían quedar impactados ao descubrir que o público  vén de todas partes menos do Barco. “Tamén é certo que aquí a entrada véndese sempre a última hora porque saben que non van ter problemas e que poden mercala en taquilla pero cada vez estase abrindo máis o espectro e nese sentido poñendo ao Barco no mapa, algo que non é tan cuantificable economicamente”, di Patricia, explicando que se pode converter en número de persoas que viñeron e o que suporía nunha capaña de marketing “pero xa non me vou tan á porcetaxe, á estimación ou á estatística senón ao feito en si. Que pode haber máis bonito que por un evento musical veña a xente a un pobo e coñeza unha paraxe tan marabillosa como poden ser as terras de Valdeorras, porque ademais o público que temos non é do tipo que vén ao concerto e marcha para casa, xa só polo feito das distancias que pode haber senón porque é xente que vén a pasar a fin de semana completa, que dá unha volta por outras localidades e poden ir dende a unha cata ata unha paraxe en concreto e iso é o que ten valor para nós”.

Ao final o SilFest Valdeorras fano as persoas que están detrás, “xente que o fai porque quere que pasen cousas no Barco, iso é o máis importante de todo”, di a presidenta de AGEM, recoñecendo que ao final cando se mercantiliza, que hai que facelo tamén, parece que se perde ese espírito e ilusión que no Barco seguen intactos. “Aquí seguen pelexando e por iso este tipo de iniciativas hai que apoialas, por ese cariño, porque veña a música ao Barco e que a xente do entorno máis cercano tamén poida desfrutar dun festival no lugar máis bonito no que podía estar situado”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button