Non pudo ser. Por pouco e malia un bo e intenso partido, o equipo de Preferente Galicia do Pizarras Los Tres Cuñados FS perdía 3-4 ante o de Redondela FS Rodavigo, no partido da xornada 5 disputado na tarde deste sábado 14 de outubro no pavillón barquense de Calabagueiros.
Tralo partido do equipo de Segunda Galicia (2-2 ante o Ribeiro do Avia FS), os rapaces de Felipe Álvarez saltaban ao parqué dispostos a puntuar. Tiveron algunha ocasión pero eran os visitantes quenes se adiantaban no marcador co primeiro gol no minuto 9. No 15′, Hamza poñía o 1-1 no marcador pero só un despois, aproveitando un erro do porteiro valdeorrés o Redondela volvía adiantarse chegando ao descanso co 1-2.
Tralo paso polo vestiario, Hamza volvía igualar o marcador e de seguido era o Tres Cuñados que se adiantaba co terceiro gol local obra de Mauro. Mais aínda quedaba moito partido e os pontevedreses non só volvían empatar, senón que sentenciaban o encontro co cuarto gol no minuto 38.
Con este resultado o conxunto branco sitúase nos postos baixos da táboa. O seguinte partido xogarano en casa do Leis Pontevedra “B”.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.