“A dispoñibilidade de prensa escrita para os clientes dos establecementos de restauración colectiva, non está expresamente prohibida nas normas de desescalada”. Así o asegura o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares nunha nota oficial da Consellería de Sanidade.
Nela tamén se matiza que “os periódicos son obxectos pouco propicios para favorecer a permanencia de xermes, pois as tintas usadas son agresivas para eles. Nese senso, a propia Organización Mundial da Saúde (OMS) e publicacións científicas actuais recordan que o contaxio do coronavirus prodúcese principalmente por vía aérea, resultando case imposible que suceda a través de superficies porosas, como é o papel”.
Ademais, Andrés Paz-Ares indica que se debe considerar “moito máis eficaz na prevención da transmisión da Covid-19 as medidas dirixidas a insistir na limpeza de mans antes e despois de coller o periódico ou calquera obxecto compartido, ademais de non tocarse boca, nariz e ollos. Debemos insistir neste tipo de recomendacións ao persoal dos locais e ao público en xeral e non prohibir o uso de prensa escrita nos establecementos. Lembrar, por outra parte, que tampouco está prohibido polo ministerio nin figura como unha práctica a evitar nas súas distintas recomendacións”.
O que si recomenda o director xeral de Saúde Pública é que “debe especificarse que os periódicos deben estar nun sitio concreto, onde se respectarán uns mínimos estándar de limpeza”.
A prensa escrita ten xogado tamén un papel informativo moi importante durante o confinamento. Como dende hai máis de vinte anos, e pese ás complicacións no traballo xornalístico, económicas e tamén na distribución do periódico; nestes tres meses de estado de alarma o Periódico O Sil mantivo a súa cita mensual en papel cos seus lectores, cunha información próxima, de calidade, análise e diferenciada.
Ademais informamos a diario a través do periódico dixital Osil.info, que se actualiza constantemente.