
A cultura e o entretemento non poden deterse, posto que se tornaron “máis necesarios ca nunca”. Así o destacaba o actor galego Luis Zahera na homenaxe que lle tributaba na tardiña deste 11 de setembro o V Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín.
Zahera, que conta cunha ampla experiencia en cinema, televisión e teatro, ademais ser gañador dun Premio Goya ao Mellor Actor de Reparto en 2018 por El Reino, lograba colgar o cartel de completo no Auditorio de Verín. Deste xeito, recollía a testemuña de Mabel Rivera, a actriz que foi distinguida na anterior edición do certame.
No acto de homenaxe, o propio Zahera departía cos asistentes sobre a súa traxectoria e destacou que as mostras de agarimo son moi agradecidas, sobre todo no contexto actual, ao que se referiu como “raro para a cultura”.
Selección de curtas
O público que acudiu ao Auditorio a presenciar a homenaxe a Zahera puido desfrutar así mesmo do visionado dunha selección de curtas nas que este participou como actor. Os títulos elixidos foron El premio, Marina, O Matachín e Planeta azul.