DeportesEn portadaÚltima hora

O valdeorrés Aarón Pérez, prata nos 60m no Campionato de España Sub16 short track

Ademais este atleta do Club Adas Cupa lograba na final a súa mellor marca persoal e lograba o récord galego nesta categoría

 

Sobresaínte actuación de Aarón Pérez Giraldo no XXXVII Campionato de España Sub16 Short Track que se disputaba nesta fin de semana de 2 e 3 de marzo en Valencia. O atleta do Club Adas Cupa do Barco conseguía onte pasar ás semifinais e neste domingo pasaba á final, mellorando marca persoal e logrando unha meritoria medalla de prata e rozando a de ouro. Así Aarón Pérez, campión galego nesta categoría, conseguía un rexistro de 7,07 e soamente era superado por Francisco de Las Heras (7,06).

“A verdade é que sentinme bastante ben na carreira, lévome un récord galego para casa, mellor marca persoal e estivo moi ben”, comenta este atleta que acudía por terceira vez a un nacional pero, que lograba a súa primeira medalla nunha proba española, polo que se sente moi feliz de logralo.

 

Aarón Pérez apuntaba tamén que foi unha competición bastante igualada, pero “teño gravado que confiar nun mesmo é o primeiro, entón se confías en ti, pois podes lograr o que queiras. Estou moi contento do resultado”.

O seu adestrador, Agustín González, presidente do Adas, destacaba así mesmo a excelente actuación deste atleta, “que fixo a súa mellor carreira do campionato na final, como debe ser, e logrou ese medalla, que estivo moi preto do ouro. Estamos moi satisfeitos e de celebración”.

 

 

Neste campionato de España Aarón Pérez tamén competía en salto de lonxitude onte, onde malia a partir cunha das mellores marcas, non tivo sorte e quedaba no noveno posto. “Pero esta medalla de prata, compénsao”, recoñece o atleta.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button