Era o seu primeiro mundial en categoría sénior. O valdeorrés Adrián Prada (Club Piragüismo Rías Baixas-Boiro) lograba a súa praza para o mundial de maratón na Copa España disputada en agosto en Trasona. E a primeira hora desta tarde de 2 de setembro tomaba a saída no campionato do mundo que se celebra en Veje (Dinamarca) na competición de K-1 sénior en maratón longo. Nela remataba cun 11 posto e cun rexistro de 02:02:04.39, nunha proba que reunía aos mellores padexeiros absolutos do mundo nesta distancia.
O outro representante de España nesta categoría, o tamén galego Iván Alonso, lograba unha quinta posición cunha marca de 02:00:43.67. O piragüista que se facía co título mundial era o danés Mads Pedersen, cun tempo de 01:57:57.48.
Por outra banda, o Joaquín Iglesias, compañeiro de Adrián Prada no Club de Piragüismo Rías Baixas-Boiro, facíase cun quinto posto en K-1 Sub23. “Os nosos deportistas tiveron unha brillante actuación nas probas individuais“, destacan dende este club, cualificando ademais de “brillante” a súa tempada.
Fotos cedidas.