CulturaCulturaÚltima hora

O vaso votivo do Castro de Castromao, “Peza de Xuño” do Museo Arqueolóxico de Ourense

Publicidade
Vaso votivo do Castro de Castromao./ Foto: Fernando del Río.

 

Dun lado unha cabeza de león e un acio de uvas. Do outro unha cesta con froitos e máis uvas, pero dispostas de xeito diferente. É a decoración da parte superior dun vaso votivo atopado no xacemento de Castromao na campaña dirixida no 2007 por L. Orero Grandal e que agora vén se ser escollido polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense como “Peza do Mes” de xuño.

Dese vaso, duns 10,5 cm, consérvanse dúas asas, “aínda que se ten dito que poderá ter unha terceira, agora perdida”, e por riba delas obsérvanse “cuncas semisféricas. Na parte superior do corpo aparece un cordón plano”, xunto cos catro motivos xa comentados, “realizados a molde e aplicados sobre o vaso”, tal e como conta Alba Antía Rodríguez na publicación do museo sobre esta “Peza de Xuño”.

Tamén apunta esta investigadora que as características da súa pasta “apuntarían a unha cerámica común fina producida en Bracara Augusta. O centro oleiro de Braga é habitual provedor de cerámicas dos xacementos do val do río Arnoia e xerriñas e outros fragmentos de cerámicas pintadas aparecen frecuentemente no rexistro de Castromao”.

Tamén matiza Alba Antía que, polo de agora, non se puido localizar ningunha outra peza semellante a esta “nin entre o catálogo de formas bracarenses nin noutros conxuntos publicados de xacementos do noroeste ou peninsulares”. Pero, tendo en conta dous pequenos cuncos situados por riba das asas e a súa singular decoración, pénsase que se trata dun “vaso votivo ou relacionado con algunha función ritual”.

 

Artigos relacionados

Back to top button