CulturaCulturaÚltima hora

“Os mosaicos da Cigarrosa (A Rúa) son, xunto cos de Lugo, os máis importantes do noroeste”

O arqueólogo rues Enrique González expoñía as novas aportacións ao estudo destes restos romanos que vincula a unha posible vila romana, no IV Simposio histórico arqueolóxico de Xagoaza (O Barco)

 

Nunha das “terras máis romanizadas de Galicia, Valdeorras”, o rues Enrique González Fernández, arqueólogo municipal do Concello de Lugo, poñía o foco nos singulares mosaicos da Cigarrosa (A Rúa) na súa intervención no IV Simposio histórico arqueolóxico “A presenza romana na comarca valdeorresa e aledaños dende o século I da era ata a invasión árabe”, que celebraba a súa segunda xornada este 14 de outubro en Xagoaza (O Barco). “Son mosaicos de considerables dimensións, e ademais do de temática mariña, hai outros dous de motivos xeométricos, que foron descubertos máis tarde e que, hoxe por hoxe, son os que ofrecen unha maior posibilidade para o seu estudo”.

O investigador comezaba a súa exposición apuntando que a “historia destes mosaicos é unha historia de infortunios”, xa dende o seu achado en 1896, seguindo polo seu posterior redescubrimento en 1969 da man do grupo arqueolóxico “Os Escarvadores” e a súa práctica desaparición ese mesmo ano. Ademais en novembro de 1972 comezan as obras do Plan de Accesos a Galicia, que pasan polo lugar dos mosaicos e que se suspenden en outubro de 1973, sendo trasladados os restos que se conservaron ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

A historia destes mosaicos remóntase á primavera de 1896. En abril dese ano atopábase, mentres se traballaba nunha viña, unha sepultura nun predio no termo de Pombar (Petín).  A raíz diso, membros da Comisión de Monumentos trasladábanse ata o lugar en maio ata Petín. No decurso desa visita, informábanse doutras descubertas nun lugar próximo, no termo da Cigarrosa (A Rúa), ata o que se dirixían e mesmo realizaban algunha sondaxe. Así localizaban un mosaico de tema mariño que cubría o pavimento e os muros dunha estancia cuadrangular, á que se acedía por uns chanzos. As paredes exteriores desta estrutura estaban decoradas por un zócalo axadrezado formado por teselas grandes de diferentes cores, tal e como lembraba González Fernández. “Deste xeito, o mosaico non só estaba no chan, senón tamén nas paredes”. Os membros da comisión tomaban varias mostras do mesmo, entre elas unha da parede e unha do zócalo e volvíase a cubrir.

 

 

Para protexelo, constrúese unha caseta que acaba por caer en 1909 e cando Os Escarvadores redescubren o lugar, décadas despois, este é un zarzal. “Estou convencido de que falamos do mesmo mosaico, aínda que hai algúns matices como o feito de que Os Escarvadores non recollen que as paredes tamén estean recubertas de mosaico, pero polo demais hai moitísimas concidencias, tanto no referido á propiedade, como tamén nas descricións e medidas do mosaico e mesmo no feito de que haxa tres chanzos que dan acceso a el. Penso que este grupo arqueolóxico vai directo a alí, non lles aparece por casualidade”, asegura Enrique González.

Xa no ano 1972 coa construción do “acceso centro a Galicia”, o propietarios dos terreos avisa ao director da obra desta infraestrutura da existencia dos mosaicos. As obras suspendíanse entre setembro e outubro do 73 e aparecían dous novos mosaicos, pero con motivos xeométricos, moi próximos ao mosaico inicial dos peixes.

 

 

Reconstrución temática dos mosaicos

A partir de aí, este arqueólogo rues plantexaba unha reconstrución temática dos mosaicos, “os máis importantes do noroeste xunto cos de Lugo”, e que data entre os séculos III e IV despois de Cristo. No caso de temática mariña, subliña que “sorprende a dimensión real dos motivos que se representaban, os peixes podían chegar aos 60 cm ou máis, intentaban representar a realidade dun ambiente mariño nunha zona de baño, nunha piscina”. Outra das súas características é que “recolle o motivo do movemento da auga, representado con trazos que suxiren movemento”.

 

 

E, ¿a que tipo de instalación pertencían estes mosaicos? Neste senso, este arqueólogo rues aventuraba que “A Cigarrosa, máis que co Foro, tería máis que ver cunha vila romana de entidade”. E recreaba nunha imaxe a súa posible extensión, “creo que é un xacemento de gran envergadura”, concluía.

 

 

Tras el, o profesor Antonio Rodríguez Colmenero, que o acompañaba na mesa, plantexaba unha cuestión clave: “¿por que non se plantexou en ningún momento escavar o lugar onde apareceu o mosaico? ¿cal é ese edificio?”. Deixando así aberta esta proposta de intervención vinculada a un dos elementos romanos máis emblemáticos de Valdeorras.

Fotos: A.R.

 

A proeza da enxeñería mineira de Roma no noroeste, a produción cerámica ou a mitoloxía ligada aos ríos, no simposio de Xagoaza (O Barco)

 

Artigos relacionados

Back to top button