CulturaCulturaÚltima horaVídeos

A proeza da enxeñería mineira de Roma no noroeste, a produción cerámica ou a mitoloxía ligada aos ríos, no simposio de Xagoaza (O Barco)

Este encontro pechábase neste 14 de outubro con catro ponencias e unha saída para ver As Médulas, entre outros xacementos

 

Un anaco de cerámica pode parecer un modesto resto arqueolóxico, pero a realidade é que aporta valiosa información. Permite conectar lugares, centros produtores de diferentes épocas, pero tamén vías comerciais a e conexión que existía entre diferentes xacementos. Así o demostraba o arqueólogo Roberto Bartolomé Abraira no relatorio co que abría a segunda xornada do IV Simposio histórico arqueolóxico “A presenza romana en Valdeorras e aledaños dende o século I da era ata a invasión árabe”, na mañá deste sábado 14 de outubro en Xagoaza (O Barco). En concreto, falaba da importancia da cerámica de Lucus Augusti ao longo da antigüidade no noroeste peninsular.

Nos anos 1985-1986 comezaban as escavacións sistemáticas na cidade de Lugo, con Antonio Rodríguez Colmenero, o que supuxo “un cambio na cidade” e os seus resultados revelaban que se trataba dunha urbe “alfareira”. Saían á luz unha serie de elementos definidores do seu urbanismo como unha rúa principal, grandes ínsulas, o foro, edificios termais, un acueducto, necrópoles e tamén diferentes fornos cerámicos e estruturas relacionadas coa actividade alfareira. “Preto de 50, o que é unha barbaridade”, aseguraba Bartolomé Abraira. E xunto a eles xurdía multitude de material asociado como fragmentos con refugallos de cocción, discos de torno, discos para transportar…

“Cando a finais de 1990 comezamos a estudar os materiais de maneira máis concreta descubrimos que o que máis abundaba era a cerámica común e a cerámica engobada, que representaba case a metade do total”, explicaba o arqueólogo, que tamén matizaba como nos inicios do século V “o urbanismo da cidade muda e isto tamén se ve na produción cerámica, que se traslada ao surleste e, ao mesmo tempo, xurde outro tipo de cerámica, comezan as producións frises, cambian a cocción e a coloración, de engobe vermello a cerámica gris, ademais hai unha produción menos seriada”.

 

 

Outra particularidade importante que apuntaba o investigador é que os alfareiros lucenses selan os seus cacharro, no caso dos pratos o selo acostuma aparecer no centro e nos cuncos, no lateral. E é precisamente esa marca persoal o que permite situar a produción cerámica lucense en asentamentos castros e urbanos, de sitios moi diferentes do noroeste peninsular, un deles, tal e como comentaba o relator, era Valdeorras, onde aparecía cerámica co selo GBCLA. E mesmo son moi frecuentes nos conventos asturicenses e bracarense e chegaban ata Conímbriga e mesmo ata Toledo. Así dende o século I d. C. ata o século V Lucus Augusti era un importante centro de olería, cuxa produción saía por vía marítima, terrestre e fluvial.

Unha visión tecnolóxica da minería aurífera romana no noroeste

Analizando as propiedades físicas do ouro iniciaba Roberto Matías Rodríguez, enxeñeiro de Minas, o seu relatorio sobre as novidades recentes e a revisión de conceptos na minería aurífera romana do noroeste. Neste senso facía unha revisión dunha serie de tópicos e destacaba que había “unha explotación sistemática dos xacementos de ouros primarios”. E facía unha especial referencia á explotación de ouro subterránea descuberta no 2002 en Llamas de la Cabrera (León), con minería superficial hidráulica e subterránea. “Con ela tivemos por primeira vez un caso deste tipo”, destacaba, explicando tamén que a súa investigación permitiu desenvolver un método de traballo para cartografíar os canles.

 

 

E, ¿como é unha canle na minería romana? “Unha inmensa obra de enxeñería cun corredor de servizo”, dicía o relator, amosando cada unha das particularidades a partir de imaxes e mesmo dun vídeo. Por outra banda, incidía en que “non se pode estudar unha mina hidráulica sen a súa rede de abastecemento”. E plantexaba, en base a datos descubertos en explotacións do noroeste, que “os romanos paraban a mina intencionadamente cando nesa explotación deixaba de haber ouro e abandonárona”.

Ademais de referirse a explotacións como as Médulas, tamén resaltaba a importancia do conxunto “espectacular do Teleno, que é unha gran mina de ouro en primario que os romanos souberon apreciar, con máis de 120 depósitos, 140 km de canles, os establecementos termais a maior altura…”. Tamén facía un percorrido por abraiantes minas subterráneas do norte de Portugal como as de Valongo e Tresminas. E finalmente explicaba a procedencia xeográfica do ouro que leva un río especialmente aurífero como o Sil. “Quédanos aínda moito por investigar sobre canto ouro puideron sacar os romanos do noroeste, penso que bastante máis do que se di, hai que investigar a zona dende un punto de vista técnico. Puxeron en produción todas as minas que había, aínda hoxe seguen aparecendo moitas que descoñeciamos, déronnos unha lección de prospección, xa que, pese a todos os medios que temos, nós non somos capaces”, concluía Matías.

 

 

O cruce dos ríos na Gallaecia romana

Tras unha conferencia do arqueólogo valdeorrés Enrique González sobre os mosaicos da Cigarrosa, a xornada pechábase coa intervención de Víctoro Alonso Troncoso, catedrático de Historia Antiga da Universidade da Coruña, sobre “o cruce de ríos na Gallaecia romana e posterior mitoloxía e ritual”. Abordaba a importancia dos ríos dende antigüidade nesta rexión da península, que constituían unhas barreiras fluviais para o exército romano na súa conquista. “Pero non só tiñan importancia dende un punto de vista loxístico, senón tamén conceptual para entender o que é a Gallaecia. Os ríos eran un desafío militar pero tamén relixioso xa que os soldados tiñan un pensamento mítico e os ríos estaban rexidos por deidades, de aí os ritos de cruce, pasar un río supoñía enfrontarse á vontade dunha deidade”, dicía o relator. E, construír unha ponte era mesmo “un acto de violencia”. Por iso se tomaban medidas para aplacar a esas deidades de diverso xeito.

A mitoloxía está ligada a ríos como o Duero, o Támega e o Limia. “O Limia é o río mítico por excelencia en Occidente, Plinio di del que é un río fabuloso”, resaltaba Troncoso, quen se refería tamén á coñecida pasaxe deste río por parte de Décimo Xuño Bruto, que tal e como explicaba, “coincide con outro episodio, cando Caio Xulio César desembarcaba en Britania”.

A partir de aí, este estudoso explicaba como co paso dos séculos ese carácter mítico dos ríos ten perdurado a través da cultura popular, cunha serie de rituais ou mesmo de costumes para comunicarse con esas deidades dos ríos e para evitar que se cobren algunha vida.

 

 

Visitas

Ademais, durante a mañá os participantes no simposio podía visitar a igrexa románica de San Miguel de Xagoaza (O Barco), guiados polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero, que resaltaba algúns dos elementos máis relevantes deste templo como son restos paleocristianos, un deles na base da mesa do altar, que el vincula cun antigo templo situado en Valdeorras.

Xa pola tarde, realizábanse unha viaxe ata terras bercianas para visitar a mina de ouro máis importante do Imperio, As Médulas, e tamén outros xacementos como é o caso da Domus romana Pereiras de Lago.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R./ cedidas (as seis últimas da galería).

“Os mosaicos da Cigarrosa (A Rúa) son, xunto cos de Lugo, os máis importantes do noroeste”

Artigos relacionados

Back to top button