CulturaCulturaÚltima hora

O vianés Carlos X. Ares publica un estudo sobre ritos de escarnio e mofa na tradición galega

É un dos tres cadernos editados pola SAGA e que se presentaban na tarde de onte Pontevedra

 

No marco do seu décimo aniversario, a SAGA vén de publicar tres novos números de “Cadernos da Sociedade Antropolóxica Galega”, un deles obra do investigador social vianés Carlos Xabier Ares. Trátase de “Apegotes, burros e trangalladas. Ritos de escarnio e mofa na tradición galega“. Este traballo, xunto a “As Torres Arcebispais de Pontevedra. Segundo o preito Tabera-Fonseca” de Ana Durán Penabad e “Ideas da morte e do Alén en Galiza. Niveis estéticos dunha estrutura social” de José Luis Cardero, presentábanse na tarde do 21 de decembro na sede da Federación Castelao en Pontevedra.

“Neles tocamos tres das áreas de investigación nas que vimos traballando na SAGA: unha é a da antropoloxía co caderno de Cardero, outra é a da historia co traballo de Ana Durán e a terceira é a da etnográfica co meu estudo”, explica Carlos X. Ares.

 

 

No acto celebrado onte participaban, ademais do estudoso vianés, Ana Durán e o presidente da SAGA, Rafael Quintía, que se encargaba da presentación e expoñía o traballo de Cardero, que non puido acudir. Quintía sinalaba que para esta asociación “o mellor xeito de rematar o ano é engadir tres novos cadernos á colección da SAGA”.

Deseguido, Ana Durán expoñía o seu estudo e, finalmente, interviña Carlos X. Ares Pérez, cunha investigación con recolleitas en numerosas localidades do oriente ourensán. “No meu caderno falo das mofas e escarnios que se repiten no ciclo anual galego, dende o 1 de xaneiro ata fin de ano, e vounas detallando e explicando. Están as bromas da primeira noite do ano, as do Entroido, San Xoán, Santos, e tamén os ritos de comensalidade como magostos e matanzas, e tamén as do 28 de decembro. Detallo as diferentes nomenclaturas que fun recollendo nun traballo de campo feito por diferentes lugares de toda Galicia, utilizando ademais o verbatim dos meus informantes”, comenta o investigador vianés.

Tras a presentación, abríase unha quenda de preguntas e o acto concluía coa sinatura de exemplares por parte dos autores.

Fotos: Roberto de la Torre.

Artigos relacionados

Back to top button