A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda contará coa opinión do sector agrogandeiro na elaboración das dúas ordes reguladoras para prever e paliar os danos producidos pola fauna salvaxe o próximo ano. Así llo trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, a Xosé Ramón Cendán e Xosé Pérez, do Sindicato Labrego Galego, cos que se reuniu esta semana para analizar o impacto que está a causar no sector primario a sobreabundancia de xabaril en moitas zonas de Galicia.
Campo aproveitou o encontro para lembrarlle os distintos tipos de axudas que pon a Xunta a disposición do sector co fin de prever e paliar os danos causados polo xabarín. Neste sentido, explicoulles que os propietarios de explotacións e granxas afectadas poden acceder a dúas ordes de subvencións: unha delas para a prevención dos danos ocasionados por certas especies de fauna salvaxe; e a outra, para paliar os prexuízos que provocan as especies silvestres en cultivos agrarios e explotacións gandeiras. Por iso, animounos a difundir esta información entre os seus afiliados para que as explotacións afectadas podan verse beneficiadas destas liñas de axudas, previo aviso ao 012.
Precisamente e en resposta á problemática social crecente que está a provocar o xabaril, a directora xeral avanzoulles que o próximo ano os orzamentos da Consellería reservarán preto de tres millóns de euros ás axudas para paliar e prever os danos da fauna salvaxe, unha partida que duplica á que se mobilizou este ano a través de ambas liñas. Así, trasladoulle que o seu departamento xa está a ultimar as dúas novas ordes co fin de convocalas o antes posible.
Máis de 1.600 avisos
Cómpre lembrar que esta especie cinexética orixinou en 2018 máis de 1.600 chamadas ao 012 por avisos de danos sobre cultivos e explotacións. Precisamente por iso, a directora xeral explicoulles aos representantes do SLG que o Goberno galego é consciente do problema e segue a dar pasos importantes co fin de buscar solucións efectivas fronte á sobre abundancia de xabarís detectada.
Tras recoñecer a inquedanza de agricultores e gandeiros polos danos que ocasionan as incursións desta especie nas súas propiedades, os representantes do SLG interesáronse tamén polas últimas medidas anunciadas pola Consellería para tratar de combater e poñer freo ao problema do xabaril na comunidade.
Neste sentido, Belén do Campo explicoulles os últimos cambios introducidos na resolución anual de vedas que regula a actual tempada de caza en Galicia. A este respecto, indicou que desde a publicación no DOG o pasado mes de outubro desta modificación, en todos os concellos galegos as autorizacións de caza por danos se realizan xa de xeito inmediato, co fin de garantir unha solución rápida e eficaz á situación que está a provocar esta especie.