CulturaCulturaÚltima hora

O xacemento prehistórico lucense de Cova Eirós continúa desvelando segredos

Os investigadores Ramón Fábregas e Arturo de Lombera daban a coñecer os achados e avances científicos da anterior campaña tras a sinatura este luns dun novo convenio con Cultura, que lle dará continuidade ás escavacións

O achado dun vaso cerámico parcialmente conservado durante a última campaña de escavacións en Cova Eirós (Triacastela, Lugo), no pasado verán, ten permitido aportar datos novidosos sobre o proceso de neolitización tanto da Fachada Atlántica como, en particular, de Galicia. Tanto pola súa forma de botella como pola súa profusa decoración, realizada coa impresión dunha cuncha de berberecho, o recipiente recorda claramente á cerámica cardial, característica do rexistro arqueolóxico entre os primeiros grupos neolíticos do sur da península ibérica.

Así o sinalaban os  investigadores Ramón Fábregas e Arturo de Lombera, membros do equipo arqueolóxico que traballa nese xacemento lucense, nun acto celebrado esta mañá no Gaiás, no que o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e o propio conselleiro subscribían un novo convenio polo que a Xunta achega 30.000 euros para actuar na cavidade.

Dábanse dese xeito a coñecer os achados e avances científicos da anterior campaña, dirixida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico–Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC e o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES).

O titular de Cultura aseguraba que este convenio “asegura a continuación dos labores de escavación, investigación, documentación arqueolóxica e difusión deste xacemento”. Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que, grazas ao impulso da Xunta de Galicia, Cova Eirós é desde o pasado mes de marzo Ben de Interese Cultural, “o máximo nivel de protección e recoñecemento patrimonial co que contamos en España”.

O conselleiro concluíu a súa intervención explicando que, en coordinación co Concello de Triacastela, se vai pór en marcha un centro de interpretación onde “os diferentes achados” e avances sobre a cova poidan ser amosados e explicados. “A función ‒explicou o conselleiro‒ é divulgar e dar a coñecer a riqueza do noso pasado.” Neste sentido, recordou a recente cesión por parte do Xacobeo ao Concello dun espazo, para que este poida comezar a traballar neste proxecto.

As actuacións que se levan desenvolvendo desde o ano 2008, tanto na entrada da cova, con abundantes materiais e unha estratigrafía complexa, onde se encontraron restos de ocupacións paleolíticas que van desde o paleolítico medio até os momentos finais do superior, como nas paredes do interior da cova, onde se localizaron evidencias de arte rupestre do paleolítico superior, teñen permitido descubrir pinturas e gravados dun valor único e excepcional en Galicia.

Os últimos anos de traballos non só lograron perfilar mellor a secuencia de ocupación de Cova Eirós, senón tamén profundar nos estudos sobre o xacemento e a Prehistoria galega. Un labor continuado cuxos resultados están a darse a coñecer e a publicarse en congresos e revistas científicas de gran prestixio, tanto nacionais como internacionais.

Artigos relacionados

Back to top button