
Máis dunha trintena de diversas propostas, dende xullo ata setembro, en diferentes escenarios do municipio. A Concellería de Cultura do Barco vén de presentar o seu programa de actividades estivais, baixo o lema “O Barco no verán é cultura”. “Compilar as actividades de verán non foi unha tarefa fácil, pero por segundo ano sacámolas de maneira conxunta e baixo esta denominación”, comentaba a concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta, esta mañá nunha rolda de prensa na que estaba acompañada polo alcalde, Alfredo García.
O programa encetarase o vindeiro 1 de xullo do campamento de verán, que incluirá, entre outras propostas dous obradoiros do Instituto Galego de Consumo para nenos de 3 a 12 anos. Ao día seguinte, 2 de xullo, arrancará o XII Ciclo De Perto con Ítaca Teatro que porá en escena “Anacos”, ás 20:30h. nos Xardíns da Casa Grande de Viloira, e as súas actuacións prolongaranse ata o 30 de xullo. “Este ciclo xira en torno á palabra contada, cantada e rimada. É dicir, teremos narración oral, música con grupos de Valdeorras e doutros puntos de Galicia, e tamén con dúas cantantes revelación Antía Muíños e Paula Pier”, adiantaba Pizcueta.
As actuacións terán espazos diferentes, así por exemplo, os narradores orais actuarán nos Xardíns da Casa Grande, mentres que as actuacións musicais terán lugar, por vez primeira, en adegas, pero tamén na praia fluvial do Malecón. Ademais recupérase unha actuación teatral que se incluira na edición do 2022 do De Perto, “Movendo os marcos” de Furafollas. “Anxo Baranga xa está recuperado e retomámola á súa petición”, indicaba a concelleira de Cultura.
Candela Fernández, de primero de bachillerato de Artes do IES Martaguisela do Barco, era nesta ocasión a autora do cartel elixido para o De Perto.
O verán cultural do Barco inclúe así mesmo as xa habituais “Noites de Cine” na praza Maior, con títulos como “Momias” ou “Campeonex”, entre outros.