DeportesÚltima hora

Omar e David Álvarez (C.D. Barco) foron convocados pola selección galega de afeccionados

Tomarán parte na primeira sesión preparatoria para a Copa das Rexións UEFA, prevista para o 23 de outubro

Omar (de fronte) e David Álvarez (de costas) nun dos últimos partidos en Calabagueiros. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Comeza a conta atrás para a participación da selección galega de afeccionados de fútbol na XII Copa das Rexións UEFA. O combinado autonómico que dirixe Iván Cancela xogarase a clasificación para a segunda fase en Galicia entre o 6 e o 8 de decembro en Portonovo, Vilalonga e A Illa de Arousa, ante os equipos de Ceuta e Castela A Mancha.

A primeira cita na planificación deseñada polo corpo técnico está prevista para o día 23 deste mes de outubro, data elixida para levar a cabo o primeiro adestramento de Galicia que terá lugar no campo de fútbol Municipal da Estrada ás 18:30 horas. Nesta primeira sesión preparatoria tomarán parte 22 futbolistas, un grupo de xogadores que representan a 12 dos 20 clubs que militan no Grupo 1 da Terceira División, entre os que estarán dous membros do C.D. Barco: Omar Navarro e David Álvarez.

Esta selección ten previsto realizar ata cinco sesións de adestramento antes de que comece a competición oficial. A convocatoria definitiva estará formada por un total de 18 xogadores, que son os que loitarán por clasificarse en decembro para a seguinte fase desta Copa.

Artigos relacionados

Back to top button