ConcellosÚltima hora

Once incendios activos seguen asolando a provincia

Entre eles están os de Vilariño de Conso, Manzaneda, Lobios, Chandrexa, Cualedro ou A Mezquita

 

Unha xornada máis, continúa ardendo a provincia de Ourense, con ata 11 lumes forestais que superan as 20 hectáreas. Arestora, seguen activos, “aínda que evolucionan favorablemente”, segundo a Consellería do Medio Rural, os lumes de Vilariño de Conso-Sabuguido (2.000 hectáreas), Lobios-Río Caldo (2.000 ha no Parque Natural do Xurés), Cualedro-Montes (un de 1.300 ha e outro de 80 ha), Chandrexa de Queixa-Queixa (500 ha), Manzaneda-Cernado (450 hectáreas), Manzaneda-Paradela (400 ha), A Mezquita-Cádavos (450 ha), Rairiz de Veiga-Sabariz (300 ha) e Montederramo-Gabín (30 ha).

Vilariño de Conso

O incendio rexistrado ás 2:22 h. do domingo no municipio de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido, continúa activo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 2.000 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o control deste lume lévanse mobilizado 19 axentes, 37 brigadas, 16 motobombas, 4 pas, 18 helicópteros e 9 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Lobios

Dende as 19:40 h. do sábado permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta provisionalmente unhas 2.000 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 30 axentes, 70 brigadas, 42 motobombas, 1 pa, 13 helicópteros e 8 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cualedro

Este concello ourensán rexistra dous incendios na parroquia de Montes. O meirande dos lumes iniciouse ás 14:48 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unhas 1.300 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 21 axentes, 35 brigadas, 23 motobombas, 5 pas, 8 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O segundo dos incendios comezou ás 3,04 h. do luns e afecta, segundo as últimas medicións provisionais, unhas 80 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 7 axentes, 7 brigadas, 9 motobombas e 5 helicópteros.

Chandrexa de Queixa

Está activo desde as 16:07 h. do domingo o lume da parroquia de Queixa, concello ourensán de Chandrexa de Queixa, que afecta provisionalmente unhas 500 hectáreas. Na súa extinción levan traballado ata o de agora 1 técnico, 8 axentes, 23 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 12 helicópteros e 2 avións.

Manzaneda

Activo desde as 5:32 h. do luns o lume do municipio ourensán de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente unhas 450 hectáreas de superficie, tal e como informa Medio Rural. No seu control levan traballado 1 técnico, 6 axentes, 15 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 8 avións.

Tamén permanece activo desde as 2:40 h. do luns outro lume neste municipio, na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro rexistrado na parroquia de San Martiño, “o que evidencia a clara intencionalidade”, indica a consellería. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 400 hectáreas. No lugar están traballando 1 técnico, 19 axentes, 39 brigadas, 27 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 4 avións.

A Mezquita

Continúa activo dende as 12:24 h. do luns o lume “procedente de Zamora que, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unhas 450 hectáreas do concello ourensán da Mezquita, parroquia de Cádavos”, informa Medio Rural. Para a súa extinción lévanse mobilizado ata o de agora 6 axentes, 18 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 2 avións.

Rairiz de Veiga

Permanece activo o lume rexistrado no municipio ourensán de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz, tras comezar ás 13,44 h. do domingo. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 300 hectáreas provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse 22 axentes, 40 brigadas, 31 motobombas, 2 pas, 1 helicóptero e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Montederramo

Activo tamén dende as 21,20 h. do luns o lume do municipio ourensán de Montederramo, parroquia de Gabín, que rolda as 30 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 14 axentes, 20 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 6 avións.

Estabilizados e controlados

Por outra banda, Medio Rural informa de que continúan estabilizados os incendios de Vilar de Barrio-Rebordechau (700 ha), Vilardevós-Vilar de Cervo (350 ha) e Muíños-Requiás (11 ha no Parque do Xurés. Así mesmo, permanecen controlados os lumes da Gudiña-Pentes (150 ha), Laza-Camba (60 ha), Ribas de Sil-Peites (60 ha) e A Pobra de Trives-Pena Petada (50 ha).

 

Artigos relacionados

Back to top button