ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Orixinal concerto didáctico do Conservatorio e da Escola de Música do Barco para os colexios da vila

Actuaban cinco grupos no Teatro Lauro Olmo para amosarlle os diferentes instrumentos e a súa sonoridade aos escolares barquenses

Que é un instrumento de percusión e outro de vento, cantos tipos de saxofóns hai, cales son as partes dunha gaita ou dun acordeón e como soan. Son algunhas das cuestións que os alumnos e alumnas do Conservatorio e da Escola de Música do Barco lles ensinaban aos escolares dos catro colexios do Barco: Otero Pedrayo de Viloira, Julio Gurriarán, Condesa de Fenosa e Divina Pastora.

Facíano durante un singular e dobre concerto didáctico que tiña lugar na mañá do 29 de maio no Teatro Lauro Olmo do Barco. Este auditorio enchíase de rapaces que se achegaban dun xeito diferente e lúdico á música nunha orixinal proposta lanzada polo Conservatorio e a Escola de Música e dirixida aos escolares do concello.

O concerto comezaba coa actuación dun grupo de instrumentos mixtos e voz, seguido pola familia das guitarras, e logo dábase paso aos instrumentos de vento, con dúas trompetas e un trombón. Aquí, Manuel explicaba como é o trombón e cada unha das súas partes. Logo tocaban unha peza. A continuación dábase paso aos saxofóns, cuxa tipoloxía era explicada por Julio, mentres ían soando eses diferentes tipos: contrabaixo, barítono, alto, tenor, sopranino e sopranino, “o máis agudo”. O grupo de saxofonistas, dirixido polo profesor Manuel Prada Ramos, interpretaba varios temas, entre eles un popurri de músicas de debuxos animados, no que animaba aos rapaces a realizar coas súas mans diferentes tipos de percusión seguindo o ritmo.

A parte final do programa estaba centrada nos instrumentos tradicionais galegos. Cada un deles era presentado e explicado por un alumno. Así Marina falaba das frautas, Mauro da gaita galega, Julio do bombo, Joaquín do acordeón, Aldara da pandeireta e Nico do tamboril. De seguido, soaban conxuntamente diversas pezas galegas, entre elas unha muiñeira. Entre aplausos remataba a actuación, na que Manuel Prada agradecía a colaboración dos centros escolares barquenses e súa boa resposta ante esta proposta didáctica. No decurso dos concerto algúns rapaces sorprendíanse ao ver sobre o escenario a compañeiros ou a profesores e, á saída, mesmo os felicitaban.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button