“Chámome Carlos Rebolo, que tamén podería ser Carlos Carballo ou Roble”. Deste xeito arrancaba o espectáculo “Anacos”, de Ítaca Teatro, co que se abría na tarde deste 2 de xullo nos Xardíns da Casa Grande de Viloira (O Barco) o XII Ciclo De Perto, que xira novamente “arredor da palabra contada, rimada e cantada” e que inclúe un total de oito propostas “de luxo”, tal e como destacaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.
Así esta edición estreábase coa palabra contada, cunha proposta chea de historias vividas en primeira persoa e que se remontan á nenez de Carlos Rebolo, pero tamén escoitadas ou simplemente construídas do imaxinario cotiá.
A seguinte cita do programa do De Perto será a palabra cantada, da man de Antía Muíños, que actuará o 5 de xullo ás 22:30h. na praia fluvial do Malecón do Barco.
Fotos: A.R.