
Os seis volumes dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos (ASEG), provinte dos fondos da Comisión de Monumentos, consérvanse no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que os vén de esceller como a primeira “Peza do Mes” deste recén estreado ano 2023. A súa presentación está prevista para este mércores, 11 de xaneiro, ás 20 h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense) A exposición correrá a cargo de Afonso Vázquez-Monxardín Fernández, que é tamén o autor da publicación sobre estes arquivos realizada polo museo.
Neste traballo lémbrase que “o Seminario nace no outono de 1923 –nun momento de parálise da revista Nós e nos iniciais da ditadura de Primo de Rivera– no rego da tradición modernizadora da cultura en España impulsada pola Junta para la Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas – coñecida como JAE– e polo Institut d’Estudis Cataláns, ambos en funcionamento desde 1907. De aí que moitos dos socios do Seminario –aínda que este sexa independente da JAE– participasen tamén, nas iniciativas e proxectos, nomeadamente, na Residencia de Estudiantes, no Centro de Estudios Históricos, na Misión Biolóxica de Galicia (1921); ou se beneficiasen das pensións para estudos no estranxeiro, como é ben sabido para os casos de Risco ou Castelao e nos menos difundidos de Bouza Brey, Xesús Carro, Sánchez Cantón, Luís Iglesias, Luís Tobío, Cruz Gallástegui, Álvaro Gil, etc”.
Vázquez-Monxardín Fernández tamén explica como o “pulo creador do Seminario parte da ilusión de nove estudantes da Universidade compostelá próximos ásIrmandades da Fala, –os de máis proxección Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey, Ramón Martínez López e Luís Tobío– e o profesor Armando Cotarelo Valledor” e comenta que o nome de «seminario» “fai referencia a un lugar de «sementeira», de aprendizaxe activa e traballo conxunto de profesores e alumnos, fronte á palabra «cátedra» que evoca un ensino unidireccional”.
A publicación dos seus Cuadernos de Estudios Gallegos a partir de 1944 suporá “unha forma de tratar de continuar o labor dos Arquivos. Estes seis tomos do ASEG, –duns 23,5 cm, e de entre 258 páxinas o volume V e 375, o VI– foron publicados por tres imprentas distintas (Lar –vol. I– , Nós –de II a V– e Paredes –VI) e en dúas localidades (A Coruña, t. I e II, e Santiago, do IV ao VI). A datación dos tomos é irregular e en varias ocasións non se corresponden co momento de saída”, indica o investigador, que afondará nestes arquivos na citada presentación.