CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima hora

Os centros educativos do Barco e Rubiá únense ao CCA para celebrar as Letras Galegas

Veñen de presentar a campaña "Luísa Villalta", que inclúe unha exposición de fotos inspiradas en versos da poeta nos escaparates de 40 comercios, unha xincana e unha exposición no Malecón

 

Un curso máis os seis centros de ensino do Barco e o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá únense para festexar o Día das Letras Galegas, contando ademais coa colaboración do Barco Centro Comercial Aberto (CCA). Desta volta a campaña terá como lema “Luísa Villalta”, na honra desta poeta coruñesa e docente, homenaxeada este ano o vindeiro 17 de maio. “É a sexta muller en ser distinguida nas Letras Galegas, que falecía aos 46 anos deixando unha chea de proxectos e de esperanza”, destacaban na presentación as representantes dos Equipos de Dinamización dos colexios Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo de Viloira, xunto aos dos IES Martaguisela e Lauro Olmo e ao colexio de Rubiá.

O seu programa terá dúas vertentes. Por unha banda, “co Centro Comercial Aberto (CCA) penduraremos nos escaparates dos establecementos fotografías do alumnado inspiradas en versos concretos da autora. Ademais, haberá unha xincana entre o 14 e o 31de maio para atopar todos os versos da poeta polos comercios, que está dirixida ao alumnado e ao conxunto da cidadanía barquense”, explican os promotores. En total serán 40 os establecementos do CCA participantes na campaña, onde aqueles que realicen a xincana poderán deixar os folletos selados en cada local nun dos establecementos ou ben poñerse en contacto co CCA para darllo, “xa que entendemos que ao mellor aos cativos lle resulte complicado poder achegarse ata a nosa sede, no Viveiro de Empresas”, comentaba o presidente do CCA.

Premiarase a mellor fotografía de cada centro educativo cun vale de 25 euros para material escolar. E entre todos os participantes na xincana sortearase un vale de compra por 50 euros para investir nas librerías asociadas ao CCA: Caprichos, Librería Murciego, Praxis, Librería Yoli e Nós.

Outro escenario da celebración será o Paseo do Malecón, no que volverá instalarse (probablemente na próxima semana debido ás condicións meteorolóxicas) unha exposición entre as árbores para darlle a coñecer a biografía e a obra de Luísa Villalta á sociedade. Será o alumnado, coa axuda do seu profesorado o encargado de elaborar esta biografía nunha exposición titulada O Pórtico de Luísa Villalta.

O presidente do CCA agradecía a participación dos establecementos asociados na campaña e poñía en valor esta iniciativa dos Equipos de Dinamización dos Centros de Ensino, “unha iniciativa imprescindible cada ano para o alumnado. Este ano contamos con 40 establecementos, pero ogallá que na vindeira haxa moito máis e tamén maior asistencia á xincana”.

Fotos: A.R.

 

Back to top button