
A luz do anoitecer, os ceos nocturnos e o mencer dende o cume máis alto da comunidade galega. Será algo do que poderán gozar os participantes na novidosa iniciativa “Os Ceos de Trevinca” que se desenvolverá os días 22 e 23 de xullo.
O programa comezará na tarde do 22 de xullo coa recepción dos participantes en Vilanova de Trevinca, para de seguido iniciar o percorrido. En torno ás 21:30h. chegarase a Pena Trevinca e alí cearase. A partires das once poderá gozarse do ceo nocturno neste cume galego, mentres se escoitan as explicacións astronómicas dos guías e a mitoloxía do ceo.
Xa ás seis da mañá, antes do mencer, farase un simbólico “saúdo a aurora” e as oito os participantes realizarán un percorrido polas lagoas glaciares de A Serpe e Ocelo. Ás 13h. está programada a chegada a Xares onde se servirán petiscos para repoñer forzas.
Esta novidosa actividade será promovida polo Club de Montaña “O Trisquel de Trevinca” en colaboración co Concello da Veiga.
