PolíticaÚltima hora

Os deputados ourensáns do PP no Congreso critican o abandono da A-76 (Ponferrada-Ourense)

Aseguran que o PSOE marxina e abandona nos PXE de 2022 proxectos esenciais para a provincia de Ourense

 

Os representantes do Partido Popular pola provincia de Ourense no Congreso, Ana Vázquez e Celso Delgado, e no Senado, Miguel Viso e Francisco José Rodríguez, valoraron hoxe o proxecto orzamentario presentado polo executivo de Pedro Sánchez para 2022, no que se reflicte “a marxinación e o abandono de proxectos esenciais para o territorio ourensán, principalmente no que se refire ás comunicacións por estrada e ás infraestruturas ferroviarias relacionadas coa alta velocidade”, criticou Celso Delgado.

“Os orzamentos para 2022 consignan para a provincia de Ourense preto de 157,5 millóns de euros, dos que 55,4 millóns corresponden a investimentos dos distintos ministerios e 102 millóns ás sociedades. Uns datos que aínda que recollen unha suba con respecto aos orzamentos de 2021 (123,5 millóns de euros) deixan ver que as sumas consignadas para o vindeiro ano son insuficientes para abordar as necesidades da provincia”, din os deputados do PP. Neste sentido, abondou Celso Delgado, “as diferenzas con respecto aos gobernos populares son evidentes, xa que Ourense recibiu 414,7 millóns de euros nos OXE de 2018, elaborados polo Goberno de Mariano Rajoy”.

Por capítulos, os representantes do PP sobre o proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado de 2022 para a provincia, fan especial fincapé no referido ás estradas, indicando o “abandono das autovías A-56 (Ourense-Lugo) e da autovía A-76 (Ourense-Ponferrada)”.

Matizan que “para a autovía A-76, no tramo entre A Veiga de Cascallá e O Barco de Valdeorras tan só se consigna a mísera cantidade de 100.000 euros. O mesmo sucede co tramo A Veiga de Cascallá-Requejo que recibe idéntica suma. En total, a A-76 recibe nas tres provincias polas que discorre 500.000 euros, un desprezo absoluto a Valdeorras”.

Con respecto á conexión entre as estradas N-120 e N-536, tramo Sobradelo-O Barco de Valdeorras, din os populares que “o proxecto de PXE para 2022 consigna case 22,9 millóns de euros, pero o certo é que vén ser practicamente a mesma suma que se consignou nos OXE de 2021 (22,8 millóns) que van quedar na súa inmensa maioría sen gastar, e iso por canto como viñemos denunciando, as obras atópanse paradas desde hai meses”.

Tamén din que “non recollen partidas específicas para outras actuacións demandadas na N-120 como os carrís de adiantamento desde o alto da Guítara ata Ourense, o enlace de acceso na Rúa e a remodelación de accesos en Vilamartín de Valdeorras. Tampouco hai cartos para o proxecto de trazado de mellora da seguridade vial na intersección de Ribela, na N-525”.

En materia ferroviaria os deputados do PP din que se constata “a ausencia de consignacións específicas para as obras pendentes de executar polo ADIF na estación intermodal de Ourense: o crecemento do edificio de viaxeiros, as escaleiras mecánicas, as pasarelas previstas sobre as vías, a praza exterior, as actuacións de permeabilidade entre os dous barrios, etc. Todas estas actuacións deben ser obxecto de licitación antes de que remate 2021”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button