ConcellosÚltima hora

Os escolares de Barbadás soben aos pedais para celebrar o Día Mundial da Bicicleta

Os escolares de Barbadás subíronse ás dúas rodas para celebrar o Día Mundial da Bicicleta. Un evento organizado pola concellería de Educación en colaboración cos colexios de Barbadás. Esta actividade está enmarcada no Camiño Escolar “Ruta Catalina”, creado para promover os itinerarios cómodos e seguros para o alumno que acode a diario ao colexio.

Os centros participantes no percorrido de hoxe foron o CEIP Ruxidoiro e o CEIP Filomena Dato. Que saíron cara ás once e ás doce da mañá respectivamente. Ambos pelotóns estiveron escoltados por un operativo especial de seguridade no que participaron Protección Civil de Barbadás, a Policía Local, a Asociación Cicloturista Ourensá e a Dirección Xeral de Tráfico.

Do colexio Ruxidoiro participaron un total de 30 alumnos e do Filomenta Dato un total de 43 escolares e 9 mestres. Asemade, neste segundo centro, o alumnado de Educación Infantil fixo unha actividade complementaria que consistiu nun circuíto de educación vial coordinado por voluntarios de Protección Civil. Nesta actividade participaron case un centenar de nenos e nenas, que acudiron preparados cos seus correspondentes vehículos e cascos.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, comentou que o Día da Bici “ten como obxectivo sensibilizar a toda a poboación pero, sobre todo aos máis cativos, da existencia de medios de transporte alternativos ao automóbil”. O rexedor municipal destacou a importancia “das alternativas que favorecen a conservación do medio ambiente, a práctica do deporte e a interrelación”. Finalmente, a concelleira de Educación, Marga Pérez, destacou que esta actividade tivo moi boa acollida e agradeceu a colaboración de ambos centros.

 

Artigos relacionados

Back to top button