En portadaÚltima hora

Os ex xogadores do CD Barco celebrarán os 50 anos do club o 23 de setembro cun completo programa

Uns días antes, na tarde do 13 de setembro farase un recordatorio ás persoas vinculadas ao club falecidas coincindo coa novena ao Nazareno

 

Será unha xornada de reencontros, de emoción e de lembranzas ligadas ao intenso médio século de historia do CD Barco. Os xogadores que ao longo destes 50 anos pasaron polo club, nas súas diferentes categorías, están chamados a participar nunha xornada festiva moi especial que terá lugar o 23 de setembro. A iniciativa, promovida por antigos xogadores do club, facíase pública a finais de xuño. Agora xa está ultimado o seu programa, que se despregará ao longo de todo ese día.

O punto de encontro dos participantes será, a partir das 11:30h., o campo de fútbol de Calabagueiros. Alí compartirán unha petiscada, acompañada de viños e cervexas. Ademais faráselles entrega dunha camiseta conmemorativa a cada un dos asistentes. E, se xurden, mesmo poderían botar un partidiño de fútbol.

A continuación, os participantes, coa camiseta posta, dirixiranse camiñando ata o inicio da avenida Conde Fenosa (no cruce coa rúa da Estación) para visitar a exposición de copas e trofeos, así como de equimanento e outro tipo de material ligado ao CD Barco, instalada no escaparate do antigo Miranda Moda. E, despois, encamiñaranse cara o Teatro Lauro Olmo para continuar rememorando a historia do club a través dunha proxección de vídeo que recollerá imaxes das diferentes etapas e momentos do CD Barco. Tamén se incluirá unha exposición de fotografías, que amosarán a evolución e diversas épocas desta entidade deportiva.

Xa ao mediodía, os participantes na xuntanza desprazaranse ata o pavillón vello (á beira da praza do Concello) para asistir a un xantar que será servido por Mantesil. As persoas interesadas en asistir poderán mercar a súa entrada (cun prezo de 30 euros) ata o vindeiro 10 de setembro no Bar La Placita (na planta baixa do Edificio Multiusos). “Este xantar, como o conxunto dos actos, están abertos a calquera xogadores das diferentes categorías do CD Barco”, matiza o ex xogador Enrique Pérez Roca, dende a organización, en mans tamén doutros antigos compañeiros de club, José Miguel Castro,Tano Sarria, Roberto, Blanco e Marcos García “Taru”.

 

Enrique Pérez Roca e José Miguel Castro, presentando este encontro de antigos xogadores do CD Barco o pasado 27 de xuño./ Foto: A.R.

 

De seguro que a sobremesa, cargada de conversas se alongará ata a tarde, na que o programa continuará cunha “fin de festa” que terá como escenario a praza Maior do Barco. Así na terraza do Veira Sil está prevista a actuación dun grupo musical e, despois, “ata que o corpo aguante” terá lugar a actuación dun Dj.

Recordatorio ás persoas falecidas vinculadas ao CD Barco e ofrenda floral ao Nazareno

Como antesala deste encontro de antigos xogadores, no marco do 50 aniversario, está prevista un recordatorio ás persoas vinculadas ao club falecidas o 13 de setembro, véspera ademais do día do Cristo no Barco. “Foi unha idea que propuxo o párroco do Barco, Jesús Álvarez, e que nos pareceu unha boa iniciativa. Será ás 20h. coincidindo co último día da novena. Aí farase unha lembranza aos ex xogadores que hoxe xa non está con nós e tamén a directivos e a outras persoas ligadas ao club que faleceron. Tamén faremos unha ofrenda floral ao Nazareno”.

 

Artigos relacionados

Back to top button