Ao escurecer deste 19 de xaneiro multitude de persoas ían concentrándose no adro do Santuario dos Remedios de Castro Caldelas, sostendo nas súas mans pequenos fachós de palla, á espera do sinal. Comezaba a formarse esta ancestral procesión, encabezada por xigantesco fachón de máis de 30 metros, coa imaxe de San Sebastián, ao que se lle prendía lume. A partir de aí cobraba vida a celebración dos Fachós, un espectacular ritual de culto ao lume, cun percorrido como casco histórico desta vila medieval, que quedaba a escuras. Soamente podía verse iluminado o perfil do castelo.
A comitiva, formada por centos de pequenos fachós e tamén por tres grupos de músicos, regresaba despois ao adro do santuario, onde se queimaban todos os restos dos fachós nunha gran fogueira, culminando o rito do lume purificador en medio do toque de campás.
Dende ese momento dábase paso ao aspecto gastronómico e musical. Os chourizos feitos e curados con fume de carballo de Castro Caldelas, o pan artesán de forno de leña, o viño da DO Ribeira Sacra e unha monumental “Queimada” daban o toque final a esta festa para desfrute dos asistentes. Ademais este ano contábase coa música da Charanga Tattoo e da Charanga TDB (Terras do Bibei) e do Grupo Airiños de Caldelas.
Fotos: Carlos G. Hervella.