En portadaÚltima hora

Os folións de Manzaneda e de Viana, entre os 4 Entroidos ourensáns do desfile da Máscara Ibérica en Lisboa

Será na tarde do día 19 de maio e nel tamén estarán as Bonitas de Sande e as Pantallas de Xinzo de Limia

As Mázcaras e o Fulión de Manzaneda, desfilando por Lisboa nunha edición anterior do FIMI./ Foto: Carlos G. Hervella.

Dende o 17 ao 20 de maio Lisboa esta a acoller o XIII Festival Internacional da Máscara Ibérica (FIMI), cuxo centro neurálxico será a Praça do Império, en Belém. Este evento desprega un amplo e variado programa que incluirá charlas e xornadas de cariz antropolóxico, ademais de mostras de gastronomía, artesanía ou concertos.

Folión e Boteiros de Viana do Bolo, xunto aos Xerónimos, en Belém, o pasado ano./ Foto: Carlos G. Hervella.

O acto central deste festival será o gran desfile da Máscara Ibérica, previsto para ás 16:30h. do 19 de maio. Sairá da Praça do Museo da Marinha e nel participarán 32 grupos e máis de 500 persoas, que traerán a Lisboa algunhas das celebracións máis ancestrais e singulares. Entre elas estarán catro Entroidos ourensáns, segundo a organización. Un deles será o Fulión e as Mázcaras de Manzaneda, que levarán a intensidade do seu toque, xunto co engado e a elegancia da súa danza, polas rúas lisboetas.

Tamén estará os Boteiros e o Folión de Viana do Bolo, cuxo atroador toque de bombos e aixadas resoará novamente con forza por Belém. Poderá verse tamén ás Pantallas de Xinzo de Limia e ás Bonitas de Sande (Cartelle). Tamén se estrearán neste encontro os Merdeiros de Vigo. A presenza española completarase con outras 16 celebracións, a metade das cales serán zamoranas. Ademais estarán unhas oito manifestacións portuguesas.

Artigos relacionados

Back to top button