SanidadeÚltima hora

Os hixienistas de Atención Primaria da provincia promoven a saúde bucodental infantil co obradoiro “Mira que boca”

Percorrerán os centros de educación infantil ourensáns para promover hábitos de vida saudables, instruccións de hixiene oral e o consumo dunha dieta que evite a carie, co obxectivo de convertelos en patróns de saúde ao longo das súas vidas

 

O CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro de Ourense acollía esta mañá a presentación do programa ‘Mira que boca’ que forma parte das actividades de promoción da saúde que promoven os hixienistas bucodentais de Atención Primaria da Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e que se oferta aos centros escolares para fomentar os hábitos de hixiene bucodental entre os escolares.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado pola subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Josefa Rodríguez Araujo, e o director do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro de Ourense, Manuel Rego, acudiu a esta actividade acompañando aos escolares que participaron no obradoiro de hoxe e que ten como obxectivo a promoción de hábitos de vida saudables no referente á saúde bucodental, aportar instruccións de hixiene oral como o cepillado dental correcto e a importancia do consumo dunha dieta que axude a evitar enfermidades como pode ser a carie.

Esta actividade de educación comunitaria que xa tivo o seu inicio o pasado mes de decembro será impartida polos oito técnicos de hixiene bucodental de Atención Primaria da nosa área que percorrerán varios Centros de Educación Infantil e Primaria da provincia de Ourense para impartir unhas charlas educativas do programa denominado “Mira que boca” nas que explicarán aos nenos e nenas o labor que desenvolven nas unidades de saúde bucodental traballando en equipo cos odontólogos dos centros de saúde. En cada obradoiro farán un breve repaso polos compoñentes da boca, explicarán os hábitos saudables e nocivos respecto á dieta e incidirán na importancia da hixiene oral para evitar a patoloxía bucal máis común como poden ser a carie e a enfermidade xenxiva. Cada actividade rematará cun obradoiro de cepillado, adaptado á idade, onde explicarán as técnicas de hixiene bucodental e os medios a empregar.

O programa de saúde bucodental en Atención Primaria, desenvolvido por odontólogos e hixienistas, abarca aos nenos e nenas desde o seu nacemento ata os catorce anos de idade e, ademáis do seu labor educativa en materia de hixiene e saúde bucodental, ten como prestacións máis salientables as revisións preventivas e periódicas da cavidade oral, o diagnóstico das maloclusións dentais, a aplicación profesional de flúor tópico, os selaxes de fosas e fisuras en molares permanentes, a obturación das caries simples de molares permanentes e a limpeza con ultrasóns e pulidos dentarios se existe compromiso de saúde xinxival.

“Actualmente os escolares galegos teñen unha saúde bucodental equiparable á dos escolares dos países europeos máis avanzados, unha das principais razóns deste importante avance foi o incremento da educación para a saúde bucodental na escola. Buscouse principalmente a prevención da carie dental, para o que durante máis de dúas décadas se achegou flúor ás pezas dentais, coa promoción dunha dieta non carioxénica e co fomento dunha hixiene oral efectiva despois de cada comida. Para todo isto, a importancia da comunidade educativa foi, e continúa sendo, indiscutible.
Polo tanto o Sergas dispón na actualidade dun programa de saúde bucodental cunha das carteiras de servizos más amplas de España que comprende o conxunto de actividades diagnósticas, terapéuticas e de prevención da enfermidade, ademais das propias de promoción e de educación para a saúde co obxectivo de convertelos en patróns de saúde ao longo das súas vidas”, segundo informa Sanidade.

 

 

120 accións comunitarias no ano 2022

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras organizou durante o pasado ano un total de cento vinte intervencións comunitarias a través de diversos programas de saúde e de educación para a cidadanía desenvolvidos polos distintos servizos de atención primaria e coordinados pola Subirección de Enfermaría da área nas que participaron mais de 3.500 persoas de todas as idades.

Estas actividades están enmarcadas dentro da liña de actuación marcada pola Consellería de Sanidade para a atención primaria a través do plans locais de saúde para a promoción da saúde e prevención da enfermidade, foron levadas a cabo maioritariamente por persoal médico e de enfermaría, enfermeiras especialistas en familiar e comunitaria e pediatría, matronas, fisioterapéutas, residentes en formación, traballadores sociais, alumnos de mediciña e enfermaría e a colaboración dos técnicos de trasporte sanitario.

A maioría destas actividades de educación sanitaria e promoción da saúde foron impartidos a través do programa “pupas, sustos e outros desgustos”, en marcha desde xuño de 2018, e outros obradoiros como pode ser o de “querendonosben” de educación afectivo-sexual orientada aos adolescentes, “Chan Pélvico” nos concellos de Ribadavia e Avión, ou “Bichos fora” orientado aos escolares concienciar sobre a importancia da hixiene de mans.

Asemade a través do servizos de Atención Primaria da área programaronse durante o 2022 varias xornadas específicas de educación sanitaria e promoción da saúde como “Carballiño Cardiosaudable”, “Semana da Saúde” en O Pereiro de Aguiar, “Xornadas sociosanitarias” de Xinzo de Limia, con enorme participación e contando coa colaboración dos concellos da provincia.

Artigos relacionados

Back to top button