
Tras o éxito das anteriores ediciónes, a Asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco organiza a terceira edición da proposta Minichef Obarcoaberto, dirixida a un público familiar e infantil e que permite converter aos máis pequenos da casa en cociñeiros por un día. Será o venres 6 de setembro, a partir das 18:00 horas, na Praza Maior do Barco.
Esta actividade expón a elaboración, en directo, de dúas receitas de cociña, unha empanada mariñeira e un tiramisú de limón, que os participantes levarán para a súa casa. Darlene Dobao e Yolanda Anta, de Pastelería A Casiña, serán as responsables de guiar aos minichefs, que contarán coa axuda da súa mai, pai ou titor/a durante a elaboración.
A todos os participantes entregaráselles un mandil e todo o material e ingredientes necesarios para a elaboración de ambas as receitas.
As inscricións para a actividade realizaranse na oficina do centro comercial aberto no Barco (Avda. de Galicia, 32- oficina nº1 (Viveiro de empresas) do día 2 ata o 5 de setembro, presentando un tícket de compra ou consumición dos establecementos asociados por importe de mínimo de 10 euros (con datas do 2 ao 5 de setembro).
Os menores participantes, de idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos, deberán estar acompañados en todo momento da súa nai, pai ou titor/a. Haberá aforo limitado.
