CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os nenos do campamento infantil de Parada de Sil visitan o Mosteiro de Santa Cristina

 

Para facilitar a conciliación familiar, o Concello de Parada de Sil en colaboración coa ONG Valores-Arca de Noé, vén de poñer en marcha un campamento no que participan 26 nenos e nenas (dende 3 ata 16 anos), atendidos pola monitora do concello e presidenta da ANPA Os Noviños do Sil, Leticia Rodríguez, que ademais acolle a tres nenos menores de tres anos. No seu traballo está acompañada por dúas monitoras da ONG e por unha voluntaria do municipio, para poder facilitar unha atención o máis individualizada posible por tramos de idade.

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, quere agradecer o “esforzo de Leticia xa que, se ben o campamento oficial é de 10 da mañá a 14, os que o desexen por razón de traballo dos pais e nais, poden quedarse a comer e permanecer ata as seis da tarde, posibilidade que colleron seis cativos facilitándolles a comida”.

 

 

Os participantes no campamento fan diariamente actividades físico-deportivas, manualidades e algunhas saídas como a realizada onte ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. O grupo desprazouse no bus-Lanzadeira e practicouse a búsqueda do tesouro con actividades relacionadas co mosteiro. Tamén se desprazaron a unha adega para ver o proceso de elaboración do viño, reuníronse co dispositivo de Protección Civil e visitaron as piscinas de Maceda.

“Trátase de que de maneira activa e entretida vaian coñecendo mellor o Concello de Parada de Sil e o seu patrimonio”, sinala o alcalde.

Fotos cedidas.

Back to top button