En portadaÚltima hora

Os novos conselleiros galegos toman posesión dos seus cargos

 

No Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro de Santiago, tomaban esta mañá posesión dos seus cargos os membros do novo executivo galego. Facíano ante o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Tras a lectura dos decretos de nomeamento, un a un, dirixíanse á mesa para xurar ou prometer o seu posto xunto a unha copia do Estatuto de Autonomía, outra da Constitución e unha biblia.

A meirande parte dos doce conselleiros escollían a fórmula de xurar, agás o de Presidencia, Diego Calvo; a de Vivenda, María Martínez; o de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o de Mar, Alfonso Villares, que prometían.

O presidente da Xunta aseguraba que “estaremos á altura e empezamos a traballar xa”. Con este obxectivo, anunciou que o novo goberno no vai “perder o tempo” e referendou o “compromiso real” do novo equipo, ao que cualificou de “doce mais un”, para non defraudar a confianza depositada neles o 18 de febreiro. Neste senso, comprometeuse a que gobernarán para todos os galegos “para os que nos votaron, e especialmente para os que non nos votaron para merecer a súa confianza”.

Deste xeito, Rueda insistiu en que o obxectivo do novo Executivo galego é “superar os gobernos anteriores. Agardo que os gobernos que nos sucedan nos superen tamén a nós. Iso quererá dicir que Galicia segue a mirar cara a adiante, que segue progresando e que as persoas encargadas de facelo posible colleron este labor con todas as ganas do mundo”.

 

 

Na súa intervención, Rueda agradeceu o traballo realizado polos tres conselleiros saíntes —Ethel Vázquez, Julio García Comesaña e Elena Rivo— dos que gabou os méritos e a capacidade demostrada nas súas responsabilidades ao fronte dos seus cargos na Xunta. “Moitísima sorte alí onde lles leve a vida no que eles decidan”, desexoulles.

Tamén eloxiou a “valentía” amosada por aceptar incorporarse ao Goberno galego aos novos catro conselleiros: María Martínez Allegue, como conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas; Antonio Gómez Caamaño, na carteira de Sanidade; José López Campos, á fronte de Cultura, Lingua e Xuventude; e María José Gómez Rodríguez, en calidade de conselleira do Medio rural.

Do mesmo xeito, Rueda estendeu o agradecemento por aceptar “continuar” aos oito conselleiros que permanecen no goberno galego: Diego Calvo, Ánxeles Vázquez, Román Rodríguez, Fabiola García, María Jesús Lorenzana, Miguel Corgos, Alfonso Villares e José González, este último como titular da consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

A todo o novo equipo desexoulle sorte, ao tempo que lles advertiu de que “a nosa sorte será a sorte de toda Galicia”. En todo caso, garantiu que o novo goberno galego vai traballar para que esa sorte se acompañe de traballo. “Normalmente é unha fórmula que funciona bastante mellor que só coa sorte”, matizou para concluír.

Despois da toma de posesión dos conselleiros tiña lugar a primeira reunión do novo Consello da Xunta, presidido por Alfonso Rueda.

Artigos relacionados

Back to top button