ConcellosÚltima hora

Os ourensáns xulgarán a transparencia do seu Concello a través dunha aplicación web

A Deputación vén de poñer en marcha esta iniciativa a través da plataforma Dyntra, que xa avalía a transparencia en diferentes institucións do mundo como Nova York
Juan Manuel Roa e Manuel Baltar // Foto: Carlos Asensio.

Os cidadáns da provincia poderán avaliar as institucións públicas provinciais e os concellos en calidade de transparencia. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente da Asociación Transparencia Pública, Juan Manuel Roa, presentaron hoxe, 15 de xuño, esta iniciativa. Para levar a cabo esta avaliación en transparencia usarán “Dyntra” unha plataforma de “goberno aberto” que permitirá “coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito de acceso á información da provincia”, asegurou Juan Manuel Roa que reiterou que esta ferramenta é “totalmente obxectiva e non está politizada”.

En materia de transparencia Juan Manuel Roa foi moi crítico e sinalou que, a pesares de haber unha lei de Transparencia que obriga ás institucións a facer público e accesible a súa información seguindo certos indicadores o 90% das institucións públicas con cumpren con esa lei. “A transparencia é un valor dentro da nosa sociedade, o maior elemento xerador de confianza” e asegurou que as grandes multinacionais tamén empezan a traballar en materia de transparencia.

As fases para poñer en marcha esta ferramenta son: realizar un análise da provincia a fondo, elaborar unha estratexia e planificación, construír a ferramenta definitiva en base a eses datos, “para darlle a voz aos cidadáns e que sexan eles quen avalíen de maneira continua e real a transparencia, co fin de colocar a Ourense á cabeza da transparencia internacional”, dixo o presidente da Asociación Transparencia Pública.

A plataforma medirá á Deputación de Ourense de acordo aos criterios do seu “ranking Dyntra”, con 180 indicadores, no cal a institución provincial cumpre na actualidade o 63,84 %, explicou Manuel Roa, ocupando o sétimo posto no ranking nacional de gobernos provinciais “aínda que as posicións son variables xa que as institucións que se adhiren a Dyntra están continuamente intentando mellorar a súa posición”.

Ademais da Deputación, esta ferramenta tamén medirá aos concellos da Provincia e ao resto de institucións públicas provinciais. Os consistorios serán avaliados cos 96 indicadores que marca a Lei de Transparencia. “Durante este tempo, calquera cidadán poderá avaliar ao seu concello, solicitar información e propoñer novos indicadores”, explicou Roa, que adiantou que “incluso poderiamos medir ás universidades e actores sociais e económicos da provincia”.

As fases para poñer en marcha esta ferramenta son: realizar un análise da provincia a fondo, elaborar unha estratexia e planificación, construír a ferramenta definitiva en base a eses datos, “para converter aos cidadáns en xuíces da transparencia”, argumentou Roa.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, amosouse emocionado por comezar a traballar con esta plataforma: “Ourense será o segundo lugar do mundo no que os cidadáns sexan os avaliadores dos índices de transparencia das entidades da provincia, unha avaliación diaria e permanente que convertera á nosa provincia en referente de transparencia”. Baltar asegurou que a institución que preside “lidera o ranking de transparencia dos gobernos provinciais de Galicia e figura entre as sete primeiras de España”. Asemade, reiterou que este proxecto enmárcase do plan que está a levar a cabo o seu equipo de “Provincia Intelixente”.

Sobre Dyntra

Dyntra é a única plataforma no mundo na que son os cidadáns os que avalían ás institucións de maneira participativa. “Trátase dunha organización na que calquera cidadán pode fiscalizar a transparencia dunha institución pública de maneira real e eficiente”, explicou Juan Manuel Roa.

Esta tecnoloxía, dixo o presidente de Transparencia Pública, é pioneira en España e está a ser utilizada para medir a transparencia no Estado de Nova York de 2.280 entidades gobernamentais. Ademais, está homologada pola Organización Internacional Open Government Partnership, formando parte do OGP Toolbox como a primeira ferramenta de ámbito mundial que consolida o concepto de auditoría social e a transparencia participativa.

En definitiva, a partires do mes de outubro, todos os cidadáns dos diferentes concellos da provincia poderán avaliar a transparencia das institucións municipais e provincias con esta nova ferramenta. Un proceso que, segundo asegurou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, só lle suporá un custo de 18.000 euros ás arcas públicas provinciais.

Artigos relacionados

Back to top button