PolíticaÚltima hora

Os presidentes de distrito animan a Manuel Cabezas a presentar candidatura para liderar o PP da cidade de Ourense

O 11 de xullo termina o prazo para presentar candidatura ao congreso local extraordinario do PP de Ourense, que se celebrará o 23 de xullo no Centro Cultural Marcos Valcárcel

 

Os nove presidentes de distrito do PP da cidade de Ourense reuníronse esta tarde na nova sede do partido. Desta reunión saía o consenso unánime para animar a Manuel Cabezas a que presente a súa candidatura para liderar o PP da cidade de Ourense, que celebra o seu congreso local extraordinario o próximo 23 de xullo no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Como representantes da militancia do partido en Ourense, Eugenia Díaz Abella, Belén Iglesias, Mila Sierra, Javier Rodríguez-Nóvoa, Jorge Pumar Tesouro, Roberto Bermúdez, Aurelio Gómez Villar, Flora Moure e Moncho Vázquez coinciden en “propoñer e animar” a Manuel Cabezas a que dea un paso á fronte para encabezar o novo proxecto do Partido Popular na cidade. “Lanzamos hoxe esta mensaxe unha vez escoitada ás bases, nas que atopamos un amplísimo consenso ao redor da figura de Manuel Cabezas como o candidato idóneo para tomar as rendas do PP da cidade e encabezar o novo proxecto do partido”.

Os nove presidentes de distrito coinciden en definir como “excepcional” o balance de Manuel Cabezas como rexedor de Ourense, entre 1995 e 2007: “É o mellor alcalde da historia recente da cidade, un exemplo inmellorable de xestión municipal. El é o responsable da transformación moderna de Ourense, con proxectos emblemáticos que melloraron e modernizaron a cidade. Un traballo referendado nas urnas, con tres maiorías absolutas e un pico de apoio do 47%”.

Manuel Cabezas, sinalaron na reunión celebrada esta tarde, é a persoa idónea para impulsar Ourense. “El é sinónimo de xestión e a mellor política. O seu liderado é o que necesita esta cidade para afrontar os retos que están no horizonte e que Ourense poida explotar todas as súas potencialidades”.

“Escoitadas ás bases e coincidindo completamente coa súa valoración sobre Manuel Cabezas e o que representa para o pasado, presente e, sobre todo, para o futuro de Ourense”, conclúen os nove presidentes de distrito, “sinalamos, por unanimidade, convidarlle a que presente a súa candidatura para liderar o PP na cidade”.

Atendendo ao calendario perfilado pola comisión organizadora, o prazo para presentar candidatura ao congreso local extraordinario termínase o próximo 11 de xullo, ás 20,00 horas. Unha vez proclamadas as precandidaturas, a campaña interna desenvolverase entre o 13 e o 18 de xullo.

Artigos relacionados

Back to top button