PolíticaÚltima hora

Os representantes políticos valoran a manifestación de apoio ao persoal de Irosa e Samaca

 

Entre as miles de persoas que se sumaban á manifestación en defensa dos postos de traballo de Irosa e Samaca que se celebraba esta tarde no Barco estaban alcaldes e concelleiros dos diferentes municipios de Valdeorras e de todas as cores políticas, entre eles a alcaldesa de Carballeda, municipio onde están asentadas estas dúas empresas da lousa. “Só podo manifestar o meu asombro porque agardaba unha resposta masiva de Valdeorras pero foi máis do esperado. Foi unha voz unánime coa que estamos a defender aos traballadores, neste caso de Irosa-Samaca pero por extensión, a todos os traballadores da lousa. Unhas veleidades incribles poñen en perigo a paz da xente que vai traballar cada mañá e non sabe o que se vai a atopar neste caso. Nada xustifica ese temor e esa angustia que están a crear en traballadores que o único que fan é levar á súa familia un soldo, traballar para que ter unha vida máis digna. É un dereito fundamental que ninguén, nin sequera un pequeno erro burocrático que puidese haber, xustifica o que están a facer estes personaxes que ademais non representan ao pobo do Trigal”, sinalaba alcaldesa de Carballeda, María Carmen González Quintela, ao remate da manifestación.

Ademais comentaba que nesta marcha reivindicativa “resulta que vimos aos verdadeiros donos dos montes aquí, dicindo claramente que non os representan, botáronnos porque non pensan como eles”. A rexedora tamén manifestaba que “ten que haber unha solución legal e xurídica e eu teño a intuición de que moi pronto imos devolverlle á sociedade, a eses traballadores a paz e tranquilidade para que vaian cada mañá a desempeñar o seu traballo”.

 

 

Tamén acudían á manifestación representantes provinciais, galegos e mesmo nacionais de diferentes forzas políticas. Así dende o PP, o deputado no Congreso por Ourense Celso Delgado Arce. “Estamos realmente impresionados pola cantidade de xente que acudiu a esta manifestación, o que acredita que a preocupación da comarca de Valdeorras é moi seria. Realmente non damos crédito ao feito de que se poidan pór en perigo 500 empregos entre directos e indirectos na actividade económica principal desta comarca, que é a explotación da lousa”, comentaba este parlamentario, que estaba acompañado por outros responsables comarcais e políticos do PP dos diferentes concellos “para amosar a nosa solidariedade e tamén para dicir que aquilo que estea en mans das administracións que goberna o PP e no que se poida axudar para que este serio problema poida resolverse, ímolo facer”.

Delgado Arce tamén indicaba que “sei que a Xunta de Galicia está preocupada por este tema porque leva xa moito tempo intentando axudar a que este conflito remate. Sabemos que a Deputación provincial tamén ten esa mesma preocupación e, dende logo, nós agardamos que aqueles que están xerando este probleme e que están actuando de xeito irracional tomen boa nota do que hoxe se viu nas rúas do Barco de Valdeorras. Foi unha manifestación multitudinaria, pero ao mesmo tempo respectuosa e reivindicativa, cos comercios pechados, o cal indica que a problemática calou diante da poboación e espero que isto se solucione polo ben de todos”.

 

 

Tamén se contaba cunha representación do partido socialista, formada por alcaldes, concelleiros, deputados provinciais e tamén polo deputado galego Eduardo Ojea Arias, quen aseguraba que “o obxectivo da manifestación era que os traballadores sentisen o apoio dos veciños e eu creo que iso o conseguiron, falta que se poida resolver o problema. Hai varios protagonistas que deben chegar a un acordo e sería bo que máis pronto que tarde atoparan algunha solución porque o problema laboral é moi importante e hai moita xente nova que está pendente dunha vida futura, que se lle pode cortar como non haxa arranxo efectivo para eles”.

 

 

Á manifestación tamén acudían representantes locais, pero tamén provinciais e galegos do BNG, como Iago Tabarés, parlamentario por Ourense. “Dende o BNG vimos aquí como mostra de apoio aos traballadores e pola importancia que teñen para a comarca, e por suposto para a toda a provincia, os 300 postos de traballo directos e 1.000 aproximadamente indirectos para a actividade económica. Nós o que pedimos, á parte de dignificar e defender estes postos de traballo, é que a Xunta non se poña de perfil. Ten que mediar nun acordo entre os comuneiros e a empresa para o mantemento deste sector tan importante para a comarca. Hai recuros públicos, hai postos de traballo e hai actividade económica desta comarca e de Ourense en xogo”.

Tabarés tamén valoraba de forma moi positiva a resposta cidadá a esta marcha reivindicativa. “Creo que a cidadanía é consciente do moito que está en xogo e polo tanto mobilizouse en defensa do existir no Barco, en Valdeorras e en Ourense”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button