PolíticaÚltima hora

Os socialistas reclaman en Riós máis axudas para agricultura ecolóxica, “un sector fundamental para o rural galego”

O portavoz socialista de medio rural no Parlamento de Galicia, Martín Seco, e o presidente de Verín Biocoop, Jose Luis Vaz, falaron da "perda de axudas para os produtores en ecolóxico", nun acto organizado polo PSdeG de Monterrei cos produtores en ecolóxico de Galicia

 

Este mércores vén de celebrarse un encontro informativo, organizado polo PSdeG da comarca de Monterrei en Ríos, con produtores de agricultura ecolóxica no que participaron o portavoz socialista de medio rural no Parlamento de Galicia, Martín Seco, e o presidente de Verín Biocoop, Jose Luis Vaz na que puxeron en valor a importancia deste sector fundamental para o futuro do rural galego. No acto tamén participaron os parlamentarios socialistas Gonzalo Caballero, Adolfo Pérez Abellás, Miguel Bautista e Marina Ortega e o ex parlamentario Juan Carlos Francisco Rivera.

Na súa intervención Martín Seco enumerou as iniciativas parlamentarias do PSdeG ante a falla de apoio da Xunta de Galicia á produción ecolóxica e alertou que a Consellería do Medio Rural vai deixar sen axudas para a conversión á agricultura ecolóxica ao 43 por cento das hectáreas solicitantes.

O responsable socialista criticou que, logo de “promocionar e alentar” aos agricultores a dar o paso de adoptar a agricultura ecolóxica, ligado ao “Pacto Verde” da UE e ás futuras axudas para o ecolóxico, os fondos da Xunta son insuficientes e necesitan 2,4 millóns de euros adicionais para atender ás solicitudes. A consecuencia vai ser, dixo, o “atropelo” dos agricultores que se van atopar coa denegación das solicitudes de conversión ao ecolóxico.

 

 

Aseguraba tamén que o goberno galego de tombaba “o camiño contrario ao resto do Estado, que ten unha media de superficie en ecolóxico do 10,2 por cento, cando en Galicia está por debaixo do 5 por cento, malia que dende a primavera se teñen incorporado 250 novas explotacións, e a superficie aumentou en 12.000 hectáreas”. Alertou de que “para atender ás máis de 45.000 hectáreas certificadas polo Consello Regulador, o orzamento previsto para o período do 2023-2027 pola Xunta debera de triplicarse”.

Tamén Jose Luis Vaz, presidente de Verín Biocoop, explicou a importancia de producir alimentos sans sen prexudicar á terra e sinalou a relevancia do sector non só desde o punto de vista económico, senón demográfico, de medioambiente e para a saúde da cidadanía.

“As nosas pradeiras son reservas de carbono que mitigan o cambio climático” sinalou Vaz, ademais de enfatizar que os produtores en ecolóxico son “case autosuficientes e practicamos a economía circular”. O presidente de Verín Biocoop rematou coa lectura dun manifesto vinculado ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica para reclamar que as axudas non exclúan a ningún dos produtores de Galicia coas partidas suficientes.

Dende o PSdeG recordaron que a Xunta fai “de cara á galería moitos chamamentos públicos para impulsar a agricultura ecolóxica en Galicia, se ben agora non garante partidas económicas suficientes para chegar a todo o sector”. Ao respecto, en resposta a preguntas dos produtores, Martín Seco incidiu en que “non se poden consentir estes recortes, toda vez que poñen en cuestión a viabilidade económica de moitos produtores”, e requiriu á consellería que “rectifique”.

 

Artigos relacionados

Back to top button