EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños da D.O. Monterrei promociónanse no Salón Gourmets 2024

A Denominación de Orixe Monterrei estará presente, do 22 ao 25 de abril na 37ª edición do Salón Gourmets, Feira Internacional de Alimentación e Bebidas de Calidade, que se celebra en Madrid. Nesta ocasión, o C.R.D.O. Monterrei acudirá baixo o amparo da Deputación de Ourense e o Inorde, nunha convocatoria creada para promocionar a Ourense como destino enogastronómico de calidade, ademais de impulsar os produtos agroalimentarios que xeran valor engadido no territorio, e así facilitar novas canles de comercialización para os mesmos.

Neste espazo conxunto, a denominación de Monterrei contará cunha área propia, na que mostrarán as peculiaridades históricas e edafoclimáticas deste territorio vitivinícola; así como tipoloxía de viños ou variedades de uva. Os que se acheguen ata o mesmo tamén poderán coñecer viños das seguintes adegas rexistradas na denominación: Trasdovento, Abeledos, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán) e Terras do Cigarrón.

Doutra banda, os viños da D.O. Monterrei tamén estarán presentes nas seguintes actividades: Cata de Viños con D.O. Monterrei (22 de abril, ás 12 horas), shoowcooking organizado polo INORDE e Cociña Ourense (22 de abril, ás 13 horas), Suculento Tesouro Atlántico (23 de abril, ás 16.30 horas) e masterclass con Tenreira Galega /Vaca Galega-Boi Gallego (24 de abril, ás 13 horas).

“Na pasada edición asistiron máis de 116.200 profesionais nacionais e internacionais, unhas cifras que agardan superarse este ano, xa que se trata da primeira feira europea de alimentación e bebidas de calidade”, recoñece Jonatás Gago, presidente da entidade. “Por tanto a nosa participación axudaranos a abrir novas plataformas de promoción e comercialización para os nosos viños, ademais de reforzar a marca Monterrei”, destaca.

Artigos relacionados

Back to top button