En portadaGalerías de fotosOurenseÚltima horaVídeos

Ourense, capital cinematográfica de Galicia ata o 1 de outubro

Nesta tarde vén de inaugurarse a 27ª edición do OUFF coa estrea de “O home e o can” de Ángel de la Cruz

 

A partir das 20:30h. desta tarde de 23 de setembro poñíase en marcha o 27ª Festival de Cine de Ourense. Na gala inaugural, celebrada no Auditorio de Ourense e coa presenza de numerosas autoridades que pasaban polo tradicional photocall, estreábase “O home e o can”, de Ángel de la Cruz, filme rodado integramente na provincia de Ourense, en localizacións de San Cristovo de Cea, Ourense e San Cibrao das Viñas. Trátase dunha homenaxe ao neorrealismo protagonizada por Manuel Manquiña que xira arredor da soidade dos maiores e a crise demográfica do rural.

 

 

Nesta gala o director do OUFF, Miguel Anxo Fernández, lembraba á súa incorporación ao equipo deste certame alá por setembro de 2018, nun momento no que o festival estivo a piques de desaparecer. “Tocoume coordinar a un equipazo e en 7 semanas logramos sacar unha edición que tivo que retrasarse ata decembro. Cinco anos despois aquí estamos practicamente o mesmo dream team, pero con novas e enriquecedoras aportacións e que damos hoxe á benvida ao público”.

 

O director do OUFF, Miguel Anxo Fernández na súa intervención.

 

Así mesmo, incidía en que o OUFF reivíndicase como “festival da Galicia audiovisual nun ano no que Ourense se converte no porto terrestre de Galicia a propósito desa tan esperada chegada do AVE. O OUFF quere reunir neste porto tan imaxinario como real ao conxunto do audiovisual galego”. Miguel Anxo Fernández tamén aludía aos homenaxeados nesta edición con galardóns como o Premio Especial do OUFF ao deseñador de son arxentino Carlos Faruolo, o Premio Ourense ao actor Chechu Salgado, a Calpurnia de Honra Internacional ao director Pablo Trapero e o Premio Chano Piñeiro á directora de fotografía Lucía C. Pan. Galardóns que se entregaban nesta gala de apertura da mostra.

 

 

Chechu Salgado, actor soberino pero criado en Ourense amosaba o seu recoñecemento ao festival por este recoñecemento. Aseguraba que se consideraba “100% ourensán”, xa que foi nesta cidade onde medrou e onde empezou a facer teatro na Universidade Laboral. Ademais remarcaba no seu discurso a importancia de pór o foco “nas novas creacións e nos novos creadores e creadoras, hai que darlle un impulso a toda esa xente que vai contar historias novas”.

 

O director Ángel de la Cruz, no OUFF.

 

As actividades e proxeccións do festival

Cunha edición na que se pasarán máis de 70 longametraxes procedentes de países como Francia, Serbia, Croacia, Bulgaria, Eslovaquia, México, Argentina, Puerto Rico ou Colombia, -ata facer un total de 25-, o OUFF presenta unha Sección Oficial na que todas as películas se poderán ver por primeira vez en Galicia. Ademais, no caso de Restos do vento, de Tiago Guedes; Perfume de gardenias, de Macha Colón; How I learned to fly, de Radivoje Andic; e O corpo aberto, de Ángeles Huerta; o pase do Festival de Cine de Ourense tamén suporá a súa estrea española. Dentro da mesma sección, O home e o can, de Ángel de la Cruz, terá no festival a súa estea mundial e A mazá de ouro, de Jaime Chávarri, un pase especial. O director, ademais, tamén recibira a Calpurnia de Honra e ofrecerá unha masterclass arredor da dirección de actores e actrices.

O OUFF contará tamén con varias seccións paralelas como Inédito en Ourense, Sesións Especiais, Ciclo Xacobeo, Cine e auga, Panorama Galicia, Cine e literatura, Cine na cadea, Ciclo Nicolás Echevarría, Ciclo Unam, OUFF Series ou Cine Familiar, unha amplia amalgama do mellor cinema internacional para todos os públicos e todas as idades.

As entradas para as sesións de pago xa se poden adquirir na páxina galicine.es ou no despacho de billetes dos Cines Ponte Vella. No tocante ás sesións que teñan lugar en sedes como o Cineclube Padre Feijoo, o público poderá retirar unha entrada de balde a partir de media antes do inicio da sesión no lugar da proxección e, no caso do Teatro Principal, tamén facer unha reserva na súa web ou retirar unha entrada gratuíta a partir dunha hora antes do inicio da sesión.

 

 

 

Actividades paralelas: dende música ata exposicións

A esta programación tamén se suman actividades paralelas como a exposición “Manual de Dirección. Cineastas de Galicia” da autoría do fotógrafo ourensán Xulio Gil e comisariada por Xosé Enrique Acuña, que consta de 52 grandes retratos dos principais directores e directoras de cine que desde hai máis de 30 anos protagonizan o mundo da creación cinematográfica en Galicia; a reconstrucción que Pepe Coira fará do desaparecido filme Canto de emigración, de Antonio Román; a masterclass “Pensando no son” a cargo de Carlos Faruolo; roteiros de cine pola provincia; o I Encontro Estatal da Plataforma Audiovisual de Produtoras de España; a presentación da Ourense Film Commission; ou a mesa redonda “Ficción televisiva. ¿Cómo nacen las historias?, entre outras.

Para completar esta edición, haberá dúas actividades onde a música ten especial protagonismo: a celebración do centenario de Nosferatu con música en directo da Ensemble OU Camera Obscura -con integrantes da Real Filharmonía de Galicia e da Orquestra Sinfónica de Galicia, e o festival “Ourense pola paz”, no que se contará con artistas como Xoel López, Habitación Vudú, Extrema Urgencia, Cómplices, Javier Gurruchaga e Javier Parisi e se estreará o videoclip “Dejemos sitio a la paz”. Para os dous eventos xa se poden adquirir as entradas a través de ataquilla.com

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button