
O portavoz de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, recibiu onte á voceira de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, para falar sobre o AVE, a variante exterior de Ourense e os posibles usos que se lle dará ao corredor ferroviario que quedará liberado tras a construción desa circunvalación.
Tras a xuntanza, Vázquez asegurou que no pleno de xaneiro vai propor unha moción para “comezar a debater sobre o corredor liberado”. Este traballo faríase a través da Comsión de Seguimento, propuxo, que convocou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, recentemente. Outra das propostas que aportou o portavoz de OUenC foi a de crear, dentro de devandita comisión, un grupo de traballo “de cara a recibir propostas dos veciños” de Seixalbo, A Cuña, Rairo ou San Francisco para que “digan que uso lle queren dar a este espazo”.
Así e todo, Martiño Xosé Vázquez asegurou que faga o que se faga con ese espazo “ten que garantir a permeabilidade entre barrios”, garantido o movemento de peóns e así non ter que empregar o coche.
Outro dos debates que se porá sobre a mesa tras a liberación do corredor é o que se fará co túnel de San Francisco e o viaduto. Neste senso, o portavoz de Ourense en Común dixo estar de acordo coa proposta da Universidade de Vigo de volver a instaurar a lanzadeira que unía as estacións de San Francisco e o Empalme, o coñecida como “o manolito”.
Pola súa banda, a voceira de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, asegurou que para que todo isto sexa posible e “poder coser de novo a cidade”, dende o seu grupo “seguiremos instando aquí e en Madrid ao PP a que aclare a súa posición” con respecto á variante exterior. Neste senso Fernández asegurou que dende o seu grupo séntense “enormemente preocupados ante o caos declaratorio do PP e a falta de coherencia”.
Na Comisión de Fomento, celebrada o pasado 20 de decembro, o grupo de En Marea pediulle a De la Serna que aclarase a súa posición con respecto ao AVE a Ourense. E, segundo informou a súa voceira, Alexandra Fernández, a Ourense en Común: “só recibimos ambigüidade”.
En tal caso, ambos os dous políticos están de acordo en que queren garantías por parte de Íñigo de la Serna e que non queren solucións temporais que, segundo cualificou Martiño Xosé Vázquez, “poden ser perigosas dadas as curvas que plantexa o trazado do actual corredor”. Asemade argumentou que esa inversión temporal soamente servirá “para abrir titulares de prensa coa chegada do AVE, que non será AVE, a Galicia” e non serán, dixo, inversións reais para Ourense.