En torno á castaña e os cogomelos están a xirar as actividades programadas ao longo deste mes de novembro dende o Concello de Parada de Sil. Primeiro foron as andainas da castaña (para maiores e nenos) e a Festa do San Martiño (Sacardebois) na primeira fin de semana de novembro.
Logo, o día 16 tiñan lugar as III Xornadas Micolóxicas na Fábrica da Luz e agora, o vindeiro 22 de novembro renderase de novo tributo á castaña cunha cita moi especial en Purdeus-Chandrexa. Trátase da terceira edición da Festa da Pisa da Castaña, na que se recreará este labor tradicional. Ademais o programa incluirá unha Feira de Produtos da zona de Parada de Sil e un xantar no que este froito de outono será o protagonista.
Ao mesmo tempo todas as fins de semana de novembro está habendo (previa reserva) unhas xornadas gastronómicas en catro establecementos deste municipio baixo o título “Desfruta da castaña na gastronomía de Parada de Sil” cun variado menú. Así en O Curtiñeiro pode degustarse lombo recheo de castaña e tarta de castañas, no Mesón Casa Pepe sérvese xabarín con castaña e pudin deste froito, na Fábrica da Luz poderá desfrutarse de sopa de castañas, costela de porco con repolo, chourizo e castañas, así como de brownie de chocolate con castañas; e na Panadería Rosa Sánchez poderá mercarse bica de castaña.
Este conxunto de actividades de novembro están a ser organizadas polo Concello de Parada de Sil en colaboración co Club de Montaña Ribeira Sacra, a Asociación Cultural Ouro do Sil, a Comisión de Festas de Sacardebois e a Asociación de Veciños Chandrexa de Sil.
Para máis información pode visitarse a web: www.paradadesil.es